Lidia Senra durante unha intervención no Parlamente Europeo // Imaxe: https://lidiasenra.gal

Lídia Senra denuncia en europa a manipulación do PP na CRTVG

A eurodeputada galega Lídia Senra ven de remitir unha carta ao director do Centre for Media Pluralism and Media Freedom (CMPF) na que lle informa da manipulación informativa que se vive na CRTVG e do uso totalmente partidista que a forza política no goberno fai dos medios públicos galegos.

Coincidindo co inicio da folga convocada polo persoal da CRTVG, Senra pídelle ao CMPF que inclúa no seu próximo estudo unha análise sobre o que está a acontecer na CRTVG e que realicen unha investigación de campo na Galiza, para estudar a vulneración dos principios de obxectividade, pluralidade e imparcialidade que se producen a diario na CRTVG. Denuncia a eurodeputada que “o pluralismo dos medios de comunicación e a liberdade de expresión e de información é un dereito irrenunciable polo que debemos loitar todos os días, pois a pesar de estar recollido como dereito fundamental no artigo 11 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, non sempre se cumpre na práctica en Galiza”.

Senra asegura na citada carta que “a CRTVG en lugar da gardar o principio de obxectividade e pluralidade, está totalmente ao servizo do partido no goberno, neste caso do PP, que exerce un control total dos contidos e programación, usándoos para o seu beneficio e interese, por riba do ben común e da cultura e información galega”. 

A pesares de facer máis de sete anos dende que se aprobou a Lei 9/2011 de 9 de novembro dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia, que recolle que se deberá crear o Estatuto Profesional da Corporación RTVG e un Consello de Informativos, ambos seguen sen crearse, algo que a eurodeputada ve “inexplicable” lamentando que o partido no goberno “non desenvolve nin leis aprobadas por el mesmo”. 

Mentres agarda a contestación do CMPF, Lídia Senra amosa o seu apoio ao persoal da CRTVG zanxando que “os galegos e galegas temos dereito a uns medios de comunicación públicos e plurais. A manipulación na CRTVG ten que acabar”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies