https://twitter.com/aKollontai/status/1072455485058633730

As peaxes da AP-9 á cabeza de toda a rede de autopistas de España

Galegos e galegas afrontan con esta da AP-9 a maior suba da peaxe de toda España

As peaxes da AP-9 son as que máis subiron de prezo de toda a rede de autopistas de España. A AP-9 foi a única autopista que incrementou os seus prezos dúas veces no pasado ano, e dende o primeiro día deste ano, coa nova actualización, atópase á cabeza do encarecemento.

O Consello de Ministros marcara unha suba media do 1,67% para as peaxes ás concesións viarias, pero cada autopista ten dereito a maiores a modular lixeiramente esa porcentaxe en función da evolución do tráfico rexistrado respecto ao previsto polos xestores. Dado que o nivel de tráfico estimado por Audasa era algo superior ao balance final, a suba na AP-9 foi superior á media, cun 1,71% ao que engadirlle un 1% “para compensar á concesionaria polos seus gastos nas obras de Rande e a circunvalación de Santiago” e un 0,80% máis “para aboar á empresa tamén parte das peaxes que non cobra dende o 2013 por orde de Fomento nas viaxes de volta entre Vigo e Pontevedra”. Por isto, a suba da peaxe da AP-9 sitúase nun 3,51% fronte ao 1,67% da grande maioría das autopistas españolas.     

Audasa, como o resto das concesionarias de autopistas, poden redondear as súas tarifas para obter prezos múltiplos de cinco e facer máis áxil o pago en metálico aos condutores, compensando os redondeos entre os distintos tramos da autopista, pero iso produce que as subas sexan nuns tramos máis altas que noutros.  

Usuarios e usuarias opinan que as continuas subas non se reflicten no mantemento nin nos servizos da autopista, manifestando algúns que “as peaxes soben todos os anos e moitos tramos de autopista nin sequera están ben asfaltados ou iluminados”, ou cualificando a suba como “roubo a man armada”, como fixo Luís González, que afirma “son comercial e non me queda outra que moverme por autopista se quero chegar a tempo. Ir por estradas convencionais non é unha opción cando tes que facer tantos quilómetros”. Culpa da situación aos políticos, aseverando que “sempre poñen escusas e ao final estas subas repercuten en nos, nos de sempre”.   

En contraste coa suba da autoestrada, a conxelación de prezos que Renfe aplicou a varias rutas e os bonos multiviaxe fan que se disparara a diferenza de custe entre dito transporte e as peaxes da AP-9, pois o billete máis barato custa 4,60 euros menos que os 16,40 das peaxes da AP-9. Nesta situación, o tren é máis económico en viaxes de ata dúas persoas.     

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies