Imaxe: http://www.sindicatolabrego.com/

O SLG denuncia a privatización dos dereitos laborais dos autónomos

Dende o SLG denuncian que un novo decretazo do goberno do Estado obriga ás persoas que cotizan por autónomos dende antes de 1998 a cambiar a Seguridade Social por unha mutua privada na cobertura de baixas por incapacidade temporal.

O Sindicato Labrego Galego denuncia que con esta medida aprobada polo Real Decreto Lei 28/2018, de 28 de decembro, para a revalorización das pensións públicas e outras medidas urxentes en materia social, laboral e de emprego, “afondase aínda máis no proceso de privatización dos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras do Réxime de Autónomos”.   

Lamentan que neste 2019, coa obriga de telematizar todas as xestións coa Seguridade Social, “a maioría dos traballadores e traballadoras afectadas ademais de non saber aínda como lles vai afectar o decreto, van ter serias dificultades para levar a cabo uns trámites que, de non haber volta atrás, deben facer antes de que remate marzo”, tendo en conta, como sinalan, que “por idade, os traballadores e traballadoras que xa cotizaban antes de 1998 teñen máis probabilidade de non estar familiarizados coas novas tecnoloxías”.  

Pola súa experiencia, o SLG asegura que “sempre que privatizaron servizos e coberturas dos traballadores e traballadoras, empeorouse a calidade dos mesmos, propiciando, decotío, vulneracións dos dereitos laborais das persoas traballadoras”, para, como neste caso “darlle novos nichos de negocio ás compañías de seguros privadas a custa dos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras”.   

Dende o Sindicato agardan “que os diversos partidos políticos, con independencia da súa ideoloxía, enfronten este novo recorte nos dereitos laborais das traballadoras e expresen o seu rexeitamento a unha medida imposta a costa das persoas afectadas e dos seus dereitos laborais” advertindo que “cun goberno en minoría, non opoñerse a esta nova privatización dos dereitos das traballadoras sería o mesmo que ser cómplice da mesma”.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies