Imaxe: Twitter Manuela Carmena

Cisma en Podemos trala aposta de Iñigo Errejón por Más Madrid

Manuela Carmena e Iñigo Errejón acordan estender a plataforma electoral “Más Madrid” a Comunidade Autónoma, e provocan unha nova crise en Podemos.

Onte facíase pública unha carta conxunta de Iñigo Errejón e Manuela Carmena onde unían os seus camiños cara as vindeiras eleccións locais e autonómicas en Madrid. Para a Alcaldesa de Madrid, esta carta é “unha invitación para encontrarnos, coa sintonía e o compromiso que requiren os momentos importantes”. A intención de Errejón é apostar polo modelo gañador de Ahora Madrid de 2015, froito dun proceso participativo.

A alianza entre Carmena e Errejón chega como revulsivo despois dos resultados de Andalucía e o fracaso da coalición Podemos e IU. Ambos líderes valoran que unha candidatura desvinculada dos partidos políticos ten máis posibilidade de éxito nas vindeiras eleccións, tomando como referencia o que foi a candidatura de Manuela Carmena en 2015 que acadou a alcaldía de Madrid.

Este anuncio chega despois de días tensos de negociacións onde Podemos ofrecía a Izquierda Unida o número 2 da lista de Errejón, que sería ocupado probablemente por Sol Sánchez, pero Iñigo Errejón negábase apelando a que precisaba para ese posto a unha persoa da súa confianza. Así o diálogo chegou a un punto morto onde agora Errejón da un paso adiante desvinculándose de Podemos.

Ademais, a decisión de Errejón provoca un fracaso máis da coalición asinada no pasado ano por Podemos, Izquierda Unida e Equo de cara a unir as súas siglas nas vindeiras eleccións Europeas, Autonómicas e Municipais, xa que nin a candidatura de Manuela Carmena nin a de Iñigo Errejón ten intención de entrar na coalición. Esta situación provoca que Podemos perda unha das súas plazas máis visibles e con maior probabilidade de éxito para a vindeira campaña.

Tensión entre Errejón e Pablo Iglesias

No pasado mes de abril comezaba a tensión entre os dous líderes de Podemos cando Iñigo Errejón aterraba como candidato ás autonómicas en Madrid e comezaba a esixir unha candidaturas propia, un deseño de campaña a súa medida e ter capacidade de veto a hora de rexistrar a candidatura, a orde da lista e os logos. A ollos de Podemos estas peticións do candidato podían desenvocar nunha estrutura á marxe da formación morada e a construción dun proxecto político diferenciado de Podemos.

Ante esa situación Podemos tentou retrasar os plazos para poder recobrar o mando da candidatura, así intentou aprobar un regulamento no que separaba os procesos de elección do candidato e a confección da lista, pero recibiu a negativa de Errejón, que mantivo a súa posición de procesos simultáneos.

Despois de meses de intentos de chegar a acordos, agora Errejón fai pública a súa decisión de desvincular o seu proxecto para a Comunidade de Madrid da estratexia de Podemos. Ante este anuncio a líder de Podemos, Irene Montero manten que “non cabe dúbida de que Podemos estará presente na candidatura á Comunidade Autónoma e ao Concello de Madrid”. En declaracións de Pablo Iglesias sobre o anuncio de Errejón fala de “vergoña” e “engano” ás inscritas de Podemos, e apela a que “a folla de ruta de Podemos xa está definida e non vai a cambiar”. Ademais, ameaza a Errejón aseverando “Iñigo Errejón non é Manuela Carmena” e Podemos está disposto a “presentarse” contra Errejón.

Pola súa banda, os Anticapitalistas interpelan a Podemos e IU a romper con Manuela Carmena e Iñigo Errejón xa que “a liquidación do proxecto de Ahora Madrid, responsabilidade de Manuela Carmena e o seu equipo, fai evidente a necesidade de impulsar un proxecto colectivo, democrático e participativo” e anima ás organizacións políticas a crear candidaturas alternativas á de Errejón e Carmena.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies