Imaxe: https://twitter.com/deica_creacions

As denuncias por violencia machista aumentaron un 35% en cinco anos

44 mulleres foron asasinadas no estado español, tres delas galegas, quedando orfos 35 menores e tres menores asasinados por mor tamén da violencia machista.

En Galicia no 2017 presentáronse 6.436 denuncias por violencia de xénero, incrementándose esta cifra progresivamente dende o ano 2012 no que se rexistraron 4.788 denuncias pero chama a atención a alta porcentaxe de casos pechados por sobresemento (un 56,3% de media no primeiro semestre de 2018, segundo datos estatais); unidos estes ás sentenzas absolutorias e outros casos que non foron instruídos. Isto arroxa un número importante de denuncias que non rematan con sanción para o denunciado.

En canto ás solicitudes de ordes de protección, foron incoadas entre xaneiro e xuño de 2018 un total de 941, adoptadas 615, denegadas 317 e inadmitidas nove. Preocupa o número de denegacións, xa que como xa aconteceu nalgúns casos, a mulleres que foron asasinadas se lles tiñan denegado as ordes de protección. Os datos evidencian que o sistema e as políticas contra a violencia de xénero están a fracasar.

Todo estes datos foron desvelados pola secretaria de igualdade, xuventude e movementos sociais da UGT en Galicia, Mónica Rodríguez que avogou porque as administracións garantan a inserción laboral das mulleres que sofren violencia de xénero.

A organización sindical indica que, segundo recolle o borrador do último informe do observatorio estatal de violencia sobre a muller de 2016, das 44 vítimas mortais por violencia de xénero dese ano, só o 41% estaban a traballar. Ademais, o total de contratos bonificados por violencia de xénero en 2016 supuxeron tan só o 0.009% do total da contratación feminina rexistrada e, desa contratación bonificada, case o 76% foi temporal.

En Galicia dende o 2003 ata setembro de 2018 tan só se realizaron 375 contratos bonificados a mulleres vítimas de violencia de xénero, 54 o ano pasado, e 164 contratos de substitución dende 2005 a setembro de 2018, 29 no 2017.

Acoso sexual no traballo e o acoso por razón de sexo

O acoso sexual no traballo e o acoso por razón de sexo constitúen outra manifestación máis da violencia de xénero. Segundo os datos da Inspección de Traballo e Seguridade Social, entre 2008 e 2015, 2.484  mulleres víronse afectadas por infraccións en materia de acoso sexual no traballo, o que supón case unha diaria. E, ademais, como establece a recente resolución do Parlamento Europeo do 11 de setembro de 2018, un gran número de casos de acoso sexual no traballo non chegan a denunciarse como consecuencia da escasa sensibilización social ao respecto, o medo ao despedimento, a dificultade para conseguir probas, unhas insuficientes canles de denuncia…

Ante esta realidade, para UGT, é imprescindible adoptar medidas e políticas máis contundentes e eficaces contra as distintas formas de violencia machista. Non será posible acabar con esta lacra social mentres non poñamos fin á desigualdade e a discriminación á que se ven sometidas as mulleres en todos os ámbitos da vida.

Un destes ámbitos é o laboral, para o que son necesarios empregos e salarios dignos e de calidade. As estatísticas demostran que, con mellores empregos e condicións de traballo, as mulleres están máis protexidas e teñen máis recursos para calquera manifestación de violencia de xénero.

Por iso, o sindicato reclama a necesidade de derrogar as reformas laborais de 2010 e 2012, moi lesivas para colectivos tan vulnerables como as mulleres. UGT propón implantar protocolos de prevención e eliminación do acoso sexual nas empresas por lei, así como a formación obrigatoria para todas as persoas empregadas e cargos directivos nas empresas, ademais dos operadores implicados no control e sanción deste tipo de violencia no ámbito laboral.

O sindicato considera necesario un enfoque integral da violencia no lugar de traballo, incluído o seu tratamento na normativa sobre prevención de riscos laborais, e o endurecemento das sancións deste tipo de comportamentos, o resarcimento adecuado do dano ás vítimas, a eliminación de trabas que dificultan a denuncia, a proba en vía xurisdicional deste tipo de violencia e a adopción dun convenio internacional no seo da Organización Internacional do Traballo (OIT) que permita o tratamento específico da problemática da violencia e o acoso nos lugares de traballo, que defina un conxunto fundamental de principios que sustenten un enfoque inclusivo e integrado para a súa erradicación e que proporcione orientacións sobre como se deben aplicar estes principios.

Por outra banda, o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, aprobado en setembro de 2017, resulta insuficiente para protexer de forma efectiva ás vítimas; e a Xustiza debe formarse e actualizarse para non situarse á marxe da sociedade e situarse á vangarda na defensa dos dereitos fundamentais das mulleres. A erradicación da violencia machista ten que ser obra de toda a sociedade. Tolerancia cero e loitar pola erradicación de todo tipo de condutas de violencia contra as mulleres e pola mellora dos seus dereitos e da súa protección deben ser os obxectivos transversais de todas as políticas no noso país.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies