https://twitter.com/aKollontai/status/1072455485058633730

Luz verde no Congreso ao traspaso da AP-9 a Galicia

O Congreso apoiou onte a tramitación parlamentaria dunha Proposición de lei do Parlamento Galego para traspasar á Xunta a Autoestrada de peaxe AP-9 da que Ciudadanos se desmarcou por consideralo “un agasallo electoralista”.

A iniciativa, aprobada por unanimidade en Galicia en marzo de 2016, foi defendida no Pleno do Congreso por unha delegación de tres deputados do Parlamento autonómico.

O deputado do PPdeG, Martín Fernández Prado, destacou que a Xunta “ten os medios para xestionar a AP-9 ao ser a administración máis próxima e ser unha infraestrutura vital para Galicia, principal motor de competitividade”. Na mesma liña que se pronunciara o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, pediu ao Goberno de Pedro Sánchez “convocar a comisión mixta de transferencias para asegurar que o traspaso non se dilate”.

Antón Sánchez, deputado de En Marea, lembrou que esta iniciativa “aprobouse tres veces por unanimidade no Parlamento galego e nas dúas ocasións anteriores foi bloqueada polo executivo popular”. Asegurou que “os galegos veñen padecendo unha estafa diaria coa AP-9, que no seu día foi rescatada con diñeiro público e privatizada polo goberno de José María Aznar no que se considera unha mostra de capitalismo de amiguetes”. Antón Gómez-Reino, deputado no Congreso por En Marea, reiterou o seu rexeitamento xeral ás autoestradas de peaxe “para que o público deixe de beneficiar á privada”.

Alexandra Fernández asegurou que “a presión social de galegas e galegos gañou o pulso a AUDASA”, afirmando que presentarán a solicitude de tramitación urxente da Lei.     

O deputado do PSOE Guillermo Meijón cargou contra a empresa concesionaria e pediu “unha tramitación áxil da iniciativa e un consenso sobre a política deinfraestruturas”.  

Ciuddanos, pola súa banda, negouse a votar a favor, alegando Fernando Navarro que “trátase dunha autoestrada que conecta con Portugal, o que a converte en vía estratéxica para o Estado” polo que criticou que se pretenda “o traspaso á Xunta da xestión, con opción a rescatala e fixar prezos, e en cambio as obrigas económicas sigan a cargo do Estado”. Para el, “os investimentos de Fomento son a bolsa de caramelos coa que se busca conseguir votos, e este traspaso é un agasallo que ten un custo que debe pagar o Estado” polo que resolveu cun “nós non aceptamos facer electoralismo cos investimentos, non aceptamos usar 500 millóns para pagar unha campaña electoral”.   

Un debate que evidencia de novo a ruptura de En Marea no Congreso

Alexandra Fernández, voceira e experta de En Marea en infraestruturas e a AP-9, ademais de ser a deputada galega encargada de impulsar todas as iniciativas parlamentares ata a data na materia, tivo que observar como baixaba á tribuna a defender a posición do Grupo Antón Gómez-Reino, ante a sorpresa do resto de voceiros e grupos parlamentares.

A división visibilizouse no mesmo pleno, pois mentres o propio Gómez-Reino, Yolanda Díaz, Fernán Vello e Ángela Rodríguez ocupaban xuntos bancadas baleiras no hemiciclo, Alexandra Fernández quedaba no seu escano na sétima fila.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies