Vigo mobilízase en defensa da Atención Primaria Pública e de calidade

A manifestación “pola dignidade da Atención Primaria”, convocada polos xefes de servizo da área de Vigo que dimitiron ante “o grave deterioro da sanidade pública”, percorrerá as rúas mañá, xoves, 27 de decembro, ás 20:00 horas, saíndo do PAC de Vigo, pasando pola Praza de España e Gran Vía ata a farola de Urzáiz.

A mobilización está secundada pola Xunta de persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e SOS Sanidade Pública. Xunto coa manifestación, que ten como obxectivo protestar pola saturación da Atención Primaria, os xefes de servizo dimitidos da área sanitaria de Vigo acordaron solicitar  dimisión do xerente da EOXI, para o que recollerán sinaturas.  

O Concello de Vigo, na sesión plenaria celebrada hoxe ven de aprobar unha proposta, apoiada polo grupo socialista e o da Marea de Vigo, a prol da manifestación. O grupo municipal do Partido Popular non participou na votación.

Pola súa banda, o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, criticou a manifestación, ao considerar que “as medidas de protesta están ben cando a administración fai oídos xordos, pero isto agora non é así” e fixo un chamamento “a todos, xefes de servizo, facultativos, enfermería, traballadores sociais, administración… para dar ideas, tratar de trasladar o novo modelo para que o cidadán siga pensando que a Atención Primaria é o mellor servizo que hai”.

Almuiña defendeu ao xerente, así como tamén o acordo entre Povisa e o Sergas, ao considerar que “favorecerá a atención sanitaria na área de Vigo e será positivo tanto para os traballadores como para os usuarios do hospital concertado”.    

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies