Antón Gómez-Reino nunha comparecencia // Imaxe: https://www.facebook.com/anton.gomezreinovarela

Gómez-Reino suma o seu primeiro fracaso ao non lograr tomar En Marea

Gómez-Reino suma o seu primeiro fracaso ao non lograr tomar En Marea, pois a pesares dos múltiples chamamentos á votación por parte das cúpulas de Podemos e Anova, gañou as eleccións aos órganos internos da formación Coidando a casa, a lista encabezada por Luís Villares.

A candidatura de Villares impúñase nas votacións cun 59,24% dos votos, fronte ao 40,76% que recibía a candidatura Entre Todas, encabezada por David Bruzos e apoiada polo sector crítico da formación, entre quen se atopan as cúpulas de Podemos, Anova, Esquerda Unida, Compostela Aberta, Marea Atlántica e Ferrol en Común. Coidando a casa obtiña 1596 votos fronte aos 1098 de Entre Todas. 

En declaracións aos medios antes de que tivera lugar a votación, en diversas ocasións, o cabeza de lista da candidatura Coidando a casa, Luís Villares, asegurou que “fronte ao noso proxecto haberá un que se revela como sucursalista de Podemos, onde mandan as cúpulas dos partidos e onde os inscritos sexamos reducidos a pegacarteis”. Pola súa banda, o secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, entrevistado pola Cadena Ser tralo último plenario de En Marea, aseveraba que “cando un dirixente, nun proceso interno, as súas teses non son referendadas pola maioría senón ao contrario, o que ten que facer é reflexionar”. 

Gómez-Reino en numerosas ocasións puxo á formación morada como “o centro do espazo do cambio”, desmarcándose do voceiro Luís Villares. O secretario xeral de Podemos Galicia, nestas votacións, a pesares de considerar que o proceso “está viciado dende a expulsión dos tres membros do Comité Electoral” despois de ser acusados de supostas irregularidades no acceso ao censo, o que provocou a paralización temporal do proceso o pasado 1 de decembro, mobilizou á militancia de Podemos para votar.

Gómez-Reino chamou á participación “pese a todas as dificultades”, que ao seu ver “son evidentes” e das que culpou á dirección, nestes momentos xa en funcións, do partido instrumental. Xustificaba a chamada á participación, que se puido constatar a través das súas redes sociais e do envío á súa militancia de multitude de mensaxes de texto ao móbil, asegurando que “o espazo do cambio no país vai moito máis alá” destas votacións. 

Gómez-Reino tamén advertiu, antes de proclamarse os resultados provisionais, que agardaba “que os resultados sexan claros e que non se dea outra vez unha alteración do resultado como xa se deu no inicio do proceso, coa alteración do resultado do plenario”.

Asegurou que el puidera votar, se ben considerou que o proceso, realizado a través dunha plataforma telemática que precisaba introducir varias claves enviadas por SMS, “é excesivamente farragoso e asusta á cidadanía”, polo que rematou aseverando que non facilita a participación.

Rematado o proceso de votación e publicados os resultados provisionais, que todas as inscritas puideron ver ao mesmo tempo, do mesmo xeito que auditar o voto, aspectos que coa anterior plataforma non podían realizarse, constatouse que o proceso de votación reuniu todas as garantías e a participación foi moi elevada para unha votación destas características, participando máis da metade das persoas con dereito a voto.

Os resultados acadados pola candidatura pola que apostou Gómez-Reino supoñen o seu primeiro fracaso nas súas aspiracións de tomar En Marea.

https://m.facebook.com/story.php?story_fbid=10157057588894703&id=554719702

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies