Manuel Nogueira durante unha comparencia // Imaxe: https://www.facebook.com/alternativavecinalocarballino

O denunciante das eleccións de En Marea eloxiou nas redes as garantías da votación

Manuel Nogueira, membro da Comisión de Garantías de En Marea e afín ao sector crítico de David Bruzos, publicou hai catro días na súa conta de Facebook unha mensaxe sobre o sistema de votación para o Consello das Mareas: “Garantista ten que ser por que 5 SMS de confirmación continua….nin chas piden no banco cando vas quitar cartos”.

Manuel Nogueira Pérez, membro crítico da Comisión de Garantías en funcións de En Marea, ven de anunciar que presentou unha denuncia no xulgado de Ourense contra o proceso electoral de En Marea no que se ven de renovar o consello e a comisión de garantías da que el formaba parte.

Segundo explicou denuncia o proceso porque o día 19 de decembro a entidade externa que exercía de autoridade indepedente do proceso anunciou que non o podería realizar pola premura de tempo e pola inminencia do proceso ao non ter tempo suficiente para coñecer a nova plataforma e desempeñar as súas funcións. Nogueira reclamara, no momento da suspensión do proceso electoral polas irregularidades supostamente cometidas polos críticos, votar canto antes e que se reanudara o proceso.

Resulta paradoxal que, antes de formular a denuncia, o membro crítico animara á participación no proceso electoral que agora denuncia e no que reclama que se depuran responsabilidades xa que o proceso podería vulnerar a lei de partidos políticos. Nogueira publicou varias mensaxes na rede social Facebook con frase coma “Tocaba xa, por fin, poder exercer o noso dereito a votar, a elixir unha dirección plural, democrática, mestiza, onde non pechen a porta a ninguén” e “Toca xa poñer punto e final a todo este cúmulo de despropósitos no que levamos envoltos xa máis de 20 días e mirar para adiante, renovar e ampliar o espazo político e traballar entre todas pola xente do común. Todo o que non sexa eso, é ir en contra dos principios de En Marea”.

Independencia

Manuel Nogueira declárase independente dentro da comisión de garantías e incluso ten realizado declaracións de que a maioría da Comisión de Garantías da que fai parte era afín a Luís Villares sen embargo numerosas publicacións amosan que estaba identificado coa lista perdedora, incluso con chamamentos explícitos: “Toca votar e toca renovación”, indicou nunha publicación do 22 de decembro en plenas votacións e incluso aparece etiquetado en publicacións que pedían o voto para a candidatura Entre Todas encabezada por David Bruzos. “hai que votar #EntreTodas! Precisamos outra #EnMarea fraterna, feminista, alegre e combativa que derrote ás dereitas. Eu xa votei a Candidatura encabezada por David Bruzos. Cada voto ten que contar” ao que engaden un definitorio “Non deixemos que poidan repetir as falcatruadas levadas a cabo pola actual (a pesares da oposición do gran Manuel Nogueira Pérez)!!” unha publicación que o propio Manuel Nogueira responde cun “Grazas polas túas verbas xenerosas!!! Claro que si: votar e avanzar!!!

Xudicialización

Nogueira reclamou en numerosas ocasións a non xudicialización do proceso electoral de En Marea e incluso chegou a tildar de “disparate” a medida de recorrer á fiscalía anunciada polo responsable da formación, Gonzalo Rodríguez, tras a filtración e acceso non autorizado ao censo de En Marea. Chegou, incluso, a compartir nas redes sociais unha noticia na que Jorge Suárez, alcalde de Ferrol, indicaba que “En Marea é para outra cousa, non para levarnos á fiscalía uns ós outros”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies