Só a deputada Alexandra Fernández vota o ditaminado pola dirección de En Marea
O distanciamento de Podemos e Esquerda Unida e, á vez, a fragmentación de Anova quedaron patentes hoxe na votación dos orzamentos presentados polo Goberno de Pedro Sánchez.
Dos cinco deputados que ten a formación só unha, Alexandra Fernández (Anova), votou o recomendado pola dirección. Yolanda Díaz (IU), Antón Gómez Reino (Podemos), Ángela Rodríguez (Podemos) e Fernán Vello (Anova) votaron a favor dos orzamentos, malia que estes non contemplaban os puntos da Axenda Galega do Cambio e malia a encendida alocución da portavoz de En Marea, Yolanda Díaz antes da votación.
A propia ministra de Facenda, María Jesús Montero, dixo sentirse “sorprendida” polas críticas de Díaz ao mesmo tempo que sostivo que non se pode “antepoñer” cuestións como a territorial á “recuperación de dereitos”. Nesta mesma liña a socialista remarcou que o esencial eran “as becas ou a dependencia” e sostivo que é preciso “revisar as inversións territoriais” pero “nun futuro”.
Montero xustificou a baixada orzamentaria para Galicia no feito de que a comunidade estivo sobrefinanciada segundo ela nos ultimos anos e non recibe xa máis financiamento para o AVE ou os estaleiros.
Con todo, finalmente catro dos deputados (incluído o nacionalista Fernán Vello) de En Marea sobrepuxeron a disciplina de voto de Unidos Podemos á do seu propio espazo, En Marea.
🌊 As declaracións da ministra veñen de constatar a aldraxe para Galicia que supoñen estes Orzamentos, polo que con máis motivo En Marea votará NON a eses Orzamentos Xerais do Estado.
O noso comunicado 👉 https://t.co/2FiuqvjzuK #NonMáisAldraxes #NonéNon
— EnMarea (@En_Marea) February 13, 2019
A Ministra de Facenda acaba de dicir que a Galiza se lle deu de máis nos últimos anos e que o recorte do 20% é situarnos na financiación que nos corresponde. Certifica a falta de vontade do Goberno por corrixir o terrible recorte destes orzamentos para o noso País.
— Alexandra Fernández (@aKollontai) February 13, 2019