Imaxe: Facebook Son de Trives

Son de Trives cualifica como un relato de confusión e miseria a situación do Concello

Trala presentación de Domingo Diéguez, alcalde de A Pobra de Trives pola Agrupación Trivesa Independente (ATI), como cabeza de lista do PP por Trives, Son de Trives cualifica como relato de confusión e miseria a situación do Concello.

Para Son de Trives, “houbo un tempo no que moita xente seguiu con fe e ilusión a uns poucos (mais ou menos) conveciños, convencida de que todos os males de Trives terían fin cando uns dos cánceres que a asfixiaban, a saber: o PP e a secretaria, fosen erradicados do poder”.

Coa chegada da ATI, aseguran, “o PP pasou a ser discretísima oposición e os xulgados acolleron a guerra cruzada entre o alcalde e a secretaria. Das súas épocas de oposición salvaxe e moi publicitada quedoulles unha aversión feroz ás críticas e a seren cuestionados, e unha teimuda opacidade” engadindo que esa “guerra persoal” deu como resultado “a parálise do Concello, gastos xudiciais a conta da cidadanía e a vitoria moral e legal da funcionaria, que se xubilou no seu cargo”.  

Dende Son de Trives ven nun “exceso de personalismo do alcalde, unha bicefalia antagónica, incomunicación, vagancia e desconexión do grupo” as causas da dimisión do alcalde da ATI e a asunción do poder por parte do tenente de alcalde. “mentres o Concello seguía sen aprobar os orzamentos, o gasto incrementábase e eramos tutelados por Facenda”.

Consideran tamén que Domínguez, “abandonando calquera ideoloxía, pois antes presumía de ser un home de esquerdas e abrazando as siglas antes desprezadas”, ficha polo PP, provocando que o ex-alcalde e algúns integrantes da ATI se desvinculen del.   

Ante esta situación, a formación liderada por Jorge Vázquez pregúntase se “o PP local está dacordo co nomeamento dende Ourense do novo cabeza de lista e como casa a aposta do PP por ese concello coa súa política de desmantelamento do rural”, mentres aseguran que Son de Trives “seguiremos a traballar como o primeiro día, convencidos do noso proxecto, coherentes e cohesionados” e que “a estas alturas, confiar na Deputación para arranxar os problemas da zona mediante unha transacción política como a que vimos de presenciar é retrotraerse a tempos feudais”, concluíndo que “hai algo máis importante que calquera partido, que é a decencia, a conciencia, a dignidade persoal e a liberdade”.    

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies