Imaxe: https://enmarea.gal/

Villares reprende aos deputados que seguiron a disciplina de Podemos en vez de defender a Galicia

O voceiro de En Marea asegurou que o Consello das Mareas o que fixo onte foi ratificar unha posición que xa era coñecida por todo o mundo.

En rolda de prensa, Villares explicou que “no seu momento trasladamos ao PSOE que para superar o debate á totalidade houbera un compromiso explícito, antes do debate de totalidade, e a asunción sustancial da Axenda Galega do Cambio, estas condicións non se deron e a decisión do Consello foi evidente”.

O voceiro de En Marea matizou que “nun primeiro momento renunciamos a presentar unha emenda á totalidade porque confiábamos no talante negociador que dicía ter o goberno, pero nos atopamos estas semanas que non había vontade negociadora real, non había vontade de chegar a acordos. E está á vista de todo o mundo a intervención que fixo a ministra no Congreso, unha intervención que foi absolutamente inaceptable para os intereses do noso país”.

Villares deixou claro que “nós non enganamos a ninguén, dixemos desde un primeiro momento que queriamos uns orzamentos sociais, e que desenvolvesen as capacidades endóxenas do país. Nós non queremos ser un país subsidario, queremos ser un país que teña capacidade para xerar renta e riqueza, que teña capacidade para xerar emprego e para traer da emigración á mocidade que neste momento non ten futuro aquí. E isto foi o que fixemos, obrar coherentemente con iso. E o consello está mañá non fixo máis que ratificar unha posición que xa era coñecida por todo o mundo”.

Valoracións de Esquerda Unida e Anova ante a rutura da disciplina de voto

Esquerda Unida sacaba hoxe un comunicado valorando o debate dos Orzamentos no que volvía cargar contra En Marea, asegurando que “ante a campaña de falsedades orquestada pola suposta coordinadora de En Marea, Esquerda Unida lembra que En Marea no Congreso só se rixe polo acordo político de coalición das tres forzas asinantes”

Pola súa banda, Anova través dun comunicado, en relación á situación da dereita e a extrema dereita, avanzou que “diante desa ameaza non valen medias tintas: unidade de acción fronte ás novas formas de fascismo. Esa é a única posición posible, por iso respaldamos a opinión maioritaria dos deputados e deputadas de En Marea no Congreso, electos dentro dunha coalición conformada por Podemos Galicia, Esquerda Unida e a nosa organización”. Apelaron “a todas as forzas políticas progresistas, aos soberanismos de esquerda e á esquerda federal e confederal, a recuperar a unidade de acción que mantivemos na moción de censura contra Mariano Rajoy como dique de contención contra a dereita extremada e o fascismo para impedir que se impoña unha axenda ultra de austeridade e de laminación dos nosos dereitos e liberdades”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies