Intervención de Pablo Iglesias no encontro municipalista de Podemos

Podemos inclúe dentro das súas candidaturas á Marea Atlántica e Compostela Aberta

O pasado sábado tiña lugar en Alcorcón (Madrid) o primeiro Encontro Municipalista, organizado formación morada para preparar as vindeiras eleccións municipais, ás que Podemos prevé presentarse, como asegurou Echenique como marca propia, por primeira vez dende o seu nacemento.

O obxectivo deste Encontro era reunir a todas as persoas de Podemos interesadas no reto municipal para preparar a campaña e abordar a creación da rede municipalista de Podemos para traballar a política municipal. Podemos denominou á xuntanza como “Gran Encuentro Municipalista” e nel tratouse á Marea Atlántica e Compostela Aberta como unha candidatura máis de Podemos. Nun chío na rede social Twitter, Lua Chao deputada no Parlamento de Galicia indicaba “Orgullosas do feito, arrancamos a rede municipalista de Podemos para seguir gañando concellos para a xente” onde se podía ver unha imaxe que indicaba que “onde gobernamos facémolo mellor” cunha relación onde se incluía A Coruña e Santiago de Compostela no mesmo grupo que Madrid e Barcelona.

Pablo Iglesias, secretario xeral de Podemos, tamén redundou en incluír ás candidaturas encabezadas por Martiño Noriega e Xulio Ferreiro dentro das candidaturas do seu partido indicando que os concellos do cambio son un exemplo de boa xestión e experiencia a imitar no resto dos territorios. Referiuse así a Barcelona, que conta cun operador eléctrico propio e un plan contra a fraude fiscal, Madrid, onde se reduciu a débeda, Coruña, onde a Marea Atlántica reduciu a débeda e instaurou a renda social municipal ou Santiago, onde Compostela Aberta duplicou o gasto social, momento no que Iglesias aproveitaba para salientar “¿os acordais cuando decían que si Podemos llegaba a gobernar, no se iba a poder pagar la deuda? Las deudas que generaban los ayuntamientos del PP, nosotros las pagamos, y además, generamos superavit”.

 

En Marea

Podemos ven así de botar máis leña ao lume ao pulso que se está a vivir en En Marea onde un sector trata de manter a adscrición individual e a soberanía do espazo de unidade popular mentres que outro parece tentar que se converta de novo nunha coalición liderada por Podemos.

O encontro municipalista de Podemos parece que avanza na asimilación do espazo de En Marea e das candidaturas das cidades galegas presentándoas como candidaturas propias, algo que preocupa na actual dirección de En Marea xa que Feijoo e o PP levan anos falando das ‘mareas de Podemos’ para tratar de estreitar o espazo electoral buscando unha identificación cun partido. Podemos parece entrar na estratexia do PP arrogándose a representación dos movementos políticos municipais galegos quizais nun intento de forzar a que entren na coalición estatal ‘Unidas Podemos’ que teñen rexistrada dende o mes de maio.

 

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies