Imaxe: https://enmarea.gal

Villares a Martiño Noriega: “En Marea non pode ser unha sucursal de Podemos”

Nunha entrevista na Cadena SER ao voceiro de En Marea realizada tras o plenario do pasado sábado, Luís Villares resposta ás declaracións que o alcalde de Compostela lle adicou, pondo prazo á súa posición como voceiro e criticando a súa actitude tras o plenario.

En declaracións á Cadena Ser, Martiño Noriega púxolle data de caducidade á voceiría parlamentar de Villares se perdía as primarias que se celebrarán a principios de decembro e sostivo, como xa fixera anteriormente, que fora un erro vencellar o papel de voceiro do espazo co de voceiro do Grupo Parlamentar.  

Noriega tamén cargou contra declaracións do voceiro de En Marea nas que afeou a participación no plenario de persoas que non estaban inscritas e que o sábado presionaron para entrar e participar nas votacións, facendo referencia a que Villares, “puxo o foco nos resultados porque non lle foron favorables aos seus intereses”.

Pola súa banda, o voceiro de En Marea resaltou a pluralidade da formación, a necesidade de cumprimento co código ético e cos principios da formación, así como que as inscritas son as que mandan.

Villares asegurou non entender cómo “cando as inscritas mandan a unha deputada para casa, o propio compañeiro Noriega xustifique esa actuación e polo tanto non escoite o clamor das bases, algo que foi bochornoso para todo o espazo político”. Tamén asegura que se as inscritas se dotan dunhas normas de participación, “sorprende que veña alguén a avalar e a minimizar as irregularidades no censo do plenario, pois iso puido cambiar as maiorías que se deron alí”.

Do mesmo xeito, afeou que “haxa quen xustifique a ausencia do Grupo Parlamentar do Congreso cando as inscritas lles piden que rendan contas”, entendendo que iso supón reducir En Marea a unha sucursal de Podemos e, “se isto é o que quere Noriega, aí si que discrepo politicamente del, porque eu non defendo un espazo subordinado a Podemos, defendo un espazo mestizo e a soberanía de En Marea ata o final, inda que non conte co apoio do alcalde”.

Para Villares o debate en Galicia e no Parlamento de Galicia debe ser combater as políticas do Partido Popular, polo que emprazou a Noriega a “encamiñar tódolos seus esforzos para combater ao verdadeiro adversario que ten, que é Sánchez Bugallo, para o que conta co meu apoio firme e decidio”, agardando contar do mesmo xeito, para combater a Feijoo, co respaldo dos alcaldes das mareas. 

One thought on “Villares a Martiño Noriega: “En Marea non pode ser unha sucursal de Podemos”

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies