Imaxe: http://congreso.enmarea.gal

Podemos quere apropiarse do municipalismo: “gobernamos máis cidades que calquera outra forza política en Galicia”

Nunha entrevista para o programa “Los desayunos de TVE”, Antón Gómez-Reino, voceiro de En Marea no Congreso e secretario xeral de Podemos Galicia, desmárcase do voceiro de En Marea, Luís Villares.

As primeiras preguntas dirixidas a Gómez-Reino céntranse na polémica xerada na porta da comisión sobre o accidente do Alvia entre Gabriel Rufián, deputado de Esquerra, e Gómez-Reino. Cuestionado sobre isto, Gómez-Reino acusou ao deputado de Esquerra de “montar un espectáculo completamente fora de lugar” e asegurou que “non ía entrar nese tipo de provocacións”, sen aclarar o acontecido.

En relación a Podemos Galicia, e cuestionado sobre as declaracións de Carolina Bescansa onde criticaba a imposición de listas en todos os procesos dende a dirección da formación morada, Gómez-Reino volveu insistir en que o seu obxectivo ía ser “poñer a Podemos no centro do espazo do cambio en Galicia”, chegando a asegurar, aludindo ás mareas, “gobernamos máis cidades que calquera outra forza política en Galicia”.

Á pregunta de se cría que Luís Villares encabezará e dará a voz ao espazo do cambio, Gómez-Reino contestou que o voceiro estaba facendo “unha moi boa labor como voceiro e cabeza da oposición no Parlamento galego”, para continuar enfatizando que “en todo caso, non importan tanto os nomes, pois serán os inscritos e inscritas en Podemos…. e en En Marea quen decida”.

Códigos éticos

Gómez-Reino aseverou que “o máis importante é o cumprimento dos códigos éticos do partido”, cuestionado sobre a situación de Maestre e o resto de concelleiros críticos, que rexeitaron presentarse ás primarias de Podemos ao considerar que foran relegados a postos baixos da lista pola secretaría do partido en Madrid.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies