Marta Lois na rolda de prensa de presentación do estudo // Imaxe: http://santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php?lg=gal&id_nova=17905

O 40% dos mozos e o 25% das mozas adolescentes de Santiago identifican os celos co amor nas relación de parella

Esta información recóllese nun estudo elaborado polo Observatorio de Igualdade de Xénero no que se analizan as violencias machistas na adolescencia temperá, documento presentado en rolda de prensa por Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento económico e Turismo, acompañada de Tania Merelas, doutora en Ciencias da Educación e especialista en Xénero e Políticas de Igualdade.

O obxectivo do estudo, no que participaron preto de 500 adolescentes de entre 14 e 15 anos que cursan 3º da ESO en Santiago, era “analizar o grao de interiorización dos mitos do amor romántico na poboación adolescente, coñecer o grao de sexismo interiorizado, avaliar a identificación de formas de abuso e violencias machistas no marco dunha relación de parella e analizar a información coa que conta a poboación adolescente sobre as violencias machistas no marco da parella”. Rematado o estudo, obtívose información de moita utilidade para guiar futuras campañas de información e sensibilización sobre as violencias machistas na adolescencia no concello de Santiago.

Segundo indicou a concelleira, “elaborouse unha guía para o profesorado coas principais conclusións do estudo e unha banda deseñada coa que se fará unha exposición nos centros”.    

Segundo o estudo, os mozos amosan un grao de interiorización do sexismo máis elevado que as mozas, o que supón unha maior interiorización dos estereotipos de xénero, e ambos teñen dificultades para identificar as causas da violencia machista, de tal xeito que reproducen mitos que rebaixan a responsabilidade do agresor nos feitos, teñen dificultades para identificar o illamento da familia e as amizades como situación de violencia machista e nunha porcentaxe elevada, identifican os celos co amor.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies