Imaxe: Twitter En Marea

En Marea presentarase ás eleccións como formación propia

O Consello das Mareas, máximo órgano de decisión entre plenarios, dará hoxe luz verde á celebración das primarias para a elaboración das súas listas.

O voceiro de En Marea, Luís Villares indicou, ao longo do día de onte en diversas entrevistas que “En Marea ten tres eixos: o democrático, o social e o nacional, que deberán estar presentes”, e salientou que “as persoas que se candidaten deberán aclarar os seus principios políticos en defensa de Galicia”, facendo alusión, indirectamente, aos deputados do Congreso que non seguiron as directrices marcadas pola dirección de En Marea nin o programa político da formación, seguindo a disciplina de voto marcada por Podemos. 

Convocadas as eleccións por Pedro Sánchez para o 28 de abril, mentres Villares anunciaba que En Marea presentarase como formación propia, as organizacións que conformaron a coalición electoral de 2015 e 2016, Anova, Esquerda Unida e Podemos Galicia, traballan na reedición de dita fórmula, inda que deberán buscar un novo nome electoral, pois a marca En Marea xa está rexistrada no Ministerio do Interior como partido político pola formación galega.  

En relación, á coalición, na Asemblea constituínte de En Marea, en Vigo, en xullo de 2016, o coordinador nacional de Anova, Antón Sánchez, defendeu a constitución dun partido instrumental asegurando “todas as organizacións políticas hoxe en día teñen que ser flexibles, pero a votación é que sexa unha organización de adscrición inidividual para darlle participación a toda a cidadanía que non estea en organizacións políticas e queira participar e que ven demandando canles de participación”, enfatizando que non aceptarían un retorno á lóxica de coalicións, o que contrasta agora coa aposta de Anova por reeditar dita coalición. En termos similares se manifestaban daquela outros dirixentes da formación, como Antón Dobao, quen en 2017 aseguraba que “En Marea xa non é unha coalición, non o será nin o pode ser, e tampouco pode quedar reducida a un partido clásico de cadros e cargos públicos lexitimado por un milleiro de militantes. Non foi nunca ese o proxecto do complicadísimo e contraditorio, pero imprescindible, proceso de unidade popular que nos vén traendo de AGE ata acó. En Marea é e ten que ser outra cousa”.

Despois de romper o xoves no debate de totalidade das emendas dos Orzamentos Xerais do Estado, a disciplina de voto de En Marea, seguindo as consignas doutra formación política, trala convocatoria de eleccións xerais, Yolanda Díaz, Ángela Rodríguez e Antón Gómez-Reino, posicionaronse, tanto en entrevistas como nas súas contas de Twitter, a favor de ir ás eleccións con En Marea, formación da que se desmarcaran o día anterior. 

O mesmo xoves, o histórico dirixente nacionalista e referencia de Anova, Xosé Manuel Beiras, posicionabase publicamente do lado dos deputados que votaran a favor dos orzamentos, eloxiando, nunha mensaxe en Twitter, a actitude de Miguel Anxo Fernán Vello, compañeiro de partido, quen, para Beiras “votou de maneira responsable para evitar a convocatoria de eleccións nun escenario de auxe da extrema dereita”.  

As verbas de Beiras tiveron unha resposta inmediata na rede, pois moitos usuarios de Twitter criticaban a posición do histórico nacionalista cando nun plenario de En Marea celebrado en marzo de 2018, se aprobara un documento que el defendeu, denominado “tese Beiras”, no que se especificaba que “a representación obtida nas Cortes do Estado (Congreso e Senado) por En Marea cando inda era formalmente unha coalición electoral pasou a ser a representación de En Marea como partido instrumental de adscrición individual dende a súa constitución como tal na Asemblea de Vigo de xullo de 2016. Consecuentemente, as funcións de dirección política da actividade de En Marea nas Cortes, pasaron a seren atribuídas aos órganos nacionais da dirección do partido instrumental de adscrición individual En Marea, é dicir, o Consello, a Coordinadora e as Portavocías Nacionais”.

Continuaba o documento defendido por Beiras asegurando que “en consecuencia, o grupo de En Marea, por unha banda, debe dispor de autonomía de decisión nas cuestións de carácter funcional parlamentar nas Cortes, mais, por outra banda, na orde das cuestións de índole política, correspóndelle á dirección nacional de En Marea marcar os criterios e as pautas e acordar as decisións que deberá cumprir o seu grupo nas Cortes. Iso significa que, nesa orde de cuestións, o grupo non poderá decidir pola súa conta nin limitarse a informar á dirección política de En Marea, senón que terá que proceder á consulta previa”.     

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies