Imaxe: Twitter Anova

A cúpula de Anova decidirá o rumbo da organización sen contar coa militancia

A dirección de Anova reunirase o vindeiro sábado 23 de febreiro para analizar a situación política actual, tal e como informan nun comunicado feito público no día de onte. Así, deste xeito a cúpula da organización do histórico líder Xosé Manuel Beiras, dirimirá o camiño a tomar polo partido de cara ás vindeiras eleccións xerais de abril.

Nesta xuntanza do máximo órgano entre asembleas nacionais, tratarase a política de alianzas da organización así como se darán detalles pormenorizados de como se atopan as negociacións a día de hoxe. Da mesma maneira e segundo reza o texto difundido “O debate centrarase na política de alianzas para concorrer ás elección xerais do 28-A, unha cita decisiva para determinar unha saída de avance democrático para superar a crise do Réxime do 78 e derrotar a ofensiva autoritaria que animan o Partido Popular, Ciudadanos e Vox”.

Con esta xuntanza decisoria, Anova pontea a súa propia militancia e obvia polo de agora facer unha Conferencia Político Nacional sobre o tema como si se fixo en pasados comicios, para que sexan as propias militantes as que se expresen sobre o devir da organización.

Por outra banda a organización nacionalista apremia a “configurar un espazo plural, diverso e de ruptura que sexa quen de opoñerse ao avance do bloque conservador e crear unha sólida alianza para o impulsar o cambio político no Estado e Galicia”.

O comunicado de Anova faise público tan só uns días despois da nova crise aberta dentro da organización pactista a conta da votación no Congreso español dos Orzamentos Xerais do Estado, lugar onde os 2 deputados que a organización posúe votaron en direccións opostas. Mentres a deputada viguesa Alexandra Fernández rexeitaba taxativamente os mesmos, tal e como a totalidade do subgrupo parlamentar de Podemos – En Marea viña facendo en días anteriores, o deputado lugués Miguel Anxo Fernán Vello decidía seguir as directrices impostas por Izquierda Unida e Podemos a nivel estatal para tentar continuar os trámites parlamentarios que deran lugar a aprobación do que moitos denominaron uns “orzamentos pírricos” para o país e segundo as cifras de anos anteriores, os peores para Galicia desde o ano 2003 co goberno de José María Aznar.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies