Imaxe: https://www.xunta.gal

O PP usa orzamento público para facer campaña electoral de candidatos a alcaldes

A CIG-Autonómica ven de emitir un comunicado no que denuncia a utilización de cartos públicos para uso partidario do Partido Popular e a súa campaña electoral.

Segundo indican no sindicato nacionalista, “a Consellaría de Sanidade da Xunta organizou unha xornada na Coruña o día 14 de febreiro coa finalidade de promocionar a dous dos candidatos do PP a alcaldías de grandes cidades: Beatriz Mato, antiga conselleira de Política Social e candidata do Partido Popular á alcaldía da Coruña e Jesús Vázquez, antigo conselleiro de “Cultura”, actual alcalde de Ourense e candidato do PP á alcaldía desa cidade“.

A CIG indicou tamén que “a organización de actos coa única finalidade de dar visibilidade aos candidatos a alcaldías feitos desde a Administración é unha vulneración de calquera tipo de ética, desde a cristiana á agnóstica. A coorganización polo Cluster da Saúde de Galicia, outro chiringuito creado polo PP e presidido por Rocío Mosquera, exconselleira de sanidade, completa coa Fundación Barrié os organizadores do evento”.

O sindicato de clase remata o seu comunicado denunciando as prácticas do PP a respecto da xestión dos cartos públicos “Nunha mostra máis de como desde o Partido Popular se utilizan as institucións co orzamento que sae do diñeiro de todas e de todos nós para intereses exclusivamente partidistas”.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies