A mina de Touro, á Fiscalía

Colectivos ecoloxistas instan á Fiscalía do TSXG a investigar os danos e depurar responsabilidades contra a mina de Touro por contaminación reiterada e persistente.

A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) consideran que a explotación mineira está incorrendo nun delito tipificado no Código Penal, polo que reclaman que se investigue e se depuren responsabilidades, trasladando ao fiscal documentación sobre os prexuízos que se están causando en ríos, mananciais e augas subterráneas e as consecuencias que iso conleva a nivel de perigos para asaúde das persoas, para a flora, fauna e medio ambiente e en relación á actividade económica da que viven miles de persoas.    

Durante unha comparecencia de prensa, ambos colectivos aseguraron que “as análises evidencian que ríos, augas superficiais para consumo humano e mesmo augas soterradas superan os límites legais de substancias contaminantes” e que Augas de Galicia “achegou datos analíticos que amosan esa contaminación por metais pesados e alta acidez da práctica totalidade dos cursos de auga que arrodean a antiga mina”.   

Aseguran “estamos no caso dunha conduta que encaixa cos requisitos esixibles no artigo 325 e seguintes do Código Penal para cualificar os feitos como delito: unha contaminación reiterada e persistente das augas debida á actividade mineira e á ausencia ou ineficacia de supostas medidas e tratamentos de rexeneración e control; infracción da normativa reguladora, ao actuar sen permisos do organismo e xerar unha situación de perigo grave para as persoas, a fauna e flora e ao medio ambiente”, ao que engaden que “o artigo 45 da Constitución establece como obriga dos poderes públicos velar polos recursos naturais, a fin de protexer e mellorar a calidade da vida e defender e restaurar o medio ambiente”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies