Imaxe: https://www.valedordopobo.gal/es/

O Supremo rexeita o recurso pola anulación da praza dada pola Valedora do Pobo á irmá do voceiro do PP

O Tribunal Supremo ven de rexeitar o recurso presentado pola Valedora sobre a sentenza do TSXG que anulaba a contratación que designaba a María Puy Fraga como xefa de servizo de Administración e Persoal, ao detectar desvío de poder.

O fallo di que “a inadmisión a trámite acordase por carencia de interese casacional obxectivo para a formación da xurisprudencia, sen que se aprecie no escrito de preparación o prantexamento dun problema xurídico que trascenda do cariz marcadamente casuístico que presenta o litixio”. 

Xa no mes de xullo pasado, ao coñecer a decisión do TSXG, todos os grupos da oposición pediran o cese de Milagros Otero, pois xa daquela quedara claro que a Valedora influíra persoalmente para que fora elixida como xefa de servizo da súa oficina a irmá de Pedro Puy, voceiro do PP. Feijoo e o seu goberno optaran por manter á Valedora no seu posto argumentando que a sentenza era recurrible. 

Despois de que o Tribunal Supremo rexeitase o recurso interposto, os grupos de En Marea, PSdeG e BNG volveron esixir o cese da Valedora do pobo.  

O voceiro de En Marea, Luís Villares, reiterou a petición de cese da Valedora, despois de que o propio presidente asegurase que agardaría “a que a decisión fose firme para tomar nota”, asegurando “queremos que Feijoo cumpra coa súa palabra. Non pode haber nepotismo nas institucións”, ao tempo que censuraba que “a persoa encargada de facer valer os dereitos dos cidadáns ante as administracións sexa a primeira que os vulnere”. De non producirse a dimisión, asegurou, “En Marea volverá a esixir o seu cese no pleno da Cámara”.   

Patricia Vilán, do PSdeG advertiu do “dano enorme e irreparable á institución por parte do PP”, sinalando que “Feijoo decidiu que fose Otero a Valedora do Pobo. Non poden empregar as institucións como se fosen a sala da súa casa”. Sinalou tamén que o presidente “sabía de sobra que concurrían as condicións que lle advertían os tribunais e que están probadas” e que de non producirse o cese, o PSdeG adoptará “as medidas que considere oportunas para velar polo prestixio dunha institución que ten que estar por riba dos intereses do PP”.

Noa Presas, deputada do BNG acusaba a Feijoo de manter unha actitude “nepotista e caciquil” ao favorecer o “enchufismo” dunha persoa vencellada ao PP. Sinalou ao presidente da Xunta como “principal responsable na contratación de María Puy” e acusou á Valedora de “incumplir todas as funcións e tarefas para as que foi elixida”.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies