Imaxe: Twitter Martín G Piñeiro

A Valedora do Pobo pon o seu cargo a disposición do Parlamento pero adía a súa dimisión

A Valedora do Pobo ven de poñer o seu cargo a disposición do Parlamento, supeditando a súa renuncia a que os grupos acorden unha proposta de novos nomeamentos para a institución.

Nunha carta remitida á Presidencia do Parlamento, Milagros Otero expuña “poño o meu cargo a disposición da Cámara. En consecuencia rogo que de traslado deste escrito aos Grupos Parlamentares, de modo que no momento no que estes acorden a súa proposta para cubrir os cargos de valedor/ e adxunto/a proceda de inmediato a formalizar a miña renuncia”.    

Cuestionado sobre este asunto, Alberto Núñez Feijoo comparou a situación coa de “algúns municipios onde se pode contratar a familiares e non pasa absolutamente nada”.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, lembraba que cando a súa formación lle preguntou o ano pasado ao Presidente da Xunta pola sentenza dixo “que actuaría en consecuencia cando a sentenza fose firme”, polo tanto, agora que a sentenza é firme, dende En Marea esixen a Núñez Feijoo que esixa a súa renuncia explícita e inmediata, porque en democracia non pode haber sitio para o enchufismo”.

A voceira de Xustiza do Grupo Socialistas, Patricia Vilán, instaba á Valedora a que “deixe de representar a unha institución que non pode seguir danada por unha persoa que ten unha condena ás súas costas por facerlle un posto á medida da irmá do voceiro do Grupo Popular”.

Ana Pontón, do BNG, pola súa banda, criticou que o PP “pretende colar unha dimisión en diferido ao estilo Bárcenas dunha persoa afín condenada por prevaricación nun caso de enchufismo”.   

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies