Imaxe: Twitter Manuel Baltar

O Supremo confirma a anulación de 69 ascensos na Deputación de Ourense

O Tribunal Supremo inadmite o recurso contra as sentenzas que concluían que a Deputación limitaba o acceso a esas 69 prazas de xeito inxustificado.

O Tribunal Supremo ven de confirmar a sentenza inicial do xulgado contencioso-administrativo número dous de Ourense sobre a anulación do concurso convocado pola Deputación de Ourense en 2016 para cubrir 69 prazas polo sistema de promoción interna ao considerar que as bases daquela convocatoria limitaban inxustificadamente o acceso a eses postos, saíndo beneficiados os traballadores que ata aquel momento realizaban esas funcións de xeito provisional.  

O Supremo considera que as alegacións da Deputación eran “demasiado xenéricas”. A CIG, o sindicato que recurriu a convocatoria, anunciou que pedirán “a execución inmediata da sentenza” e manifestan “cabe preguntarse quen vai asumir a responsabilidade no goberno da Deputación desta desfeita, co custe para a cidadanía, da frustración das expectativas dos traballadores e de prácticas dirixidas a impedir o desenvolvemento dos principios de mérito e capacidade nas institucións públicas”.   

Peticións de dimisión

Cuestinado nun almorzo informativo sobre o tema, Luís Villares, voceiro de En Marea, asegurou “outra vergoña en termos democráticos que debería levar á dimisión do seu máximo responsable, o señor Manuel Baltar”, polo que fixo fincapé en que debe dimitir, xa que “en democracia non hai sitio para a corrupción”. Aseguraba que “a corrupción non significa que alguén teña que acabar en prisión, senón que tamén é este tipo de actuacións na vía administrativa”, porque, afirmou, “hai que saber distinguir as responsabilidades penais das políticas”. 

Os socialistas ourensanos, pola súa banda esixíanlle “que deixe de facer piruetas ilegais co diñeio público e enchufes masivos” ante o que califican como “un novo caso de caciquismo baltarista de compra de vontades e veto de aspirantes”.

Para Noa Presas, esta sentenza amosa que “non hai diferenzas entre a práctica caciquil de Baltar pai e a de Baltar fillo”, polo que esixiu que compareza e emprazou a Baltar a “abonar do seu peto” o custe que o fallo poida acarrear, pois “os ourensáns non teñen que pagar as prácticas caciquís do PP”.

Gonzalo Pérez Jácome, o voceiro de Democracia Orensana, asegurou que “a xustiza é o baremo que lle di ao presidente da Deputación que todo o que fai, o fai mal”, pero rexeitou pedir a súa dimisión, considerando que “dada a cercanía das eleccións municipais do 26 de maio, debe ser o pobo quen o faga dimitir”. 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies