Oficina de emprego // Imaxe: cig.gal

O descenso da afiliación á Seguridade Social é 3,5 veces superior ao incremento do paro

Como adoita acontecer, o remate da tempada estival, o remate de contratos no sector servizos e na hostalería conleva a destrución de milleiros de postos de traballo, o que fai subir o paro inda que en menor medida do que descende o número de afiliacións á Seguridade Social

Da análise das cifras facilitadas polo Servizo Público de Emprego pódese constatar que neste pasado mes de setembro, en Galicia destruíronse 6.500 empregos ao tempo que se incrementou o paro en 1.896 persoas. O incremento no número de rexistradas nas oficinas de emprego (dobra a suba da media estatal) deixa a cifra total de paradas en 166.320. Hai, por tanto, 17.737 menos que o pasado ano. A cifra de cotizantes elevouse de 1.013.888 (21.628 máis que fai doce meses).

Constátase de novo unha diferenza de milleiros entre o aumento do paro rexistrado e a destrución do emprego. Por cada persoas máis que se apuntou ás listaxes de desempregadas, perdemos 3,5 cotizantes á Seguridade Social en Galicia. Diversos son os motivos, dende a emigración e a fuxida da poboación activa ao desanimo que leva a non renovar as demandas de emprego, desapuntarse, etc. 

En Galicia, segundo datos do IGE, asináronse en setembro aproximadamente 97.000 contratos, ao tempo que se destruíu emprego e aumentou o paro, o que incide na excesiva rotación, a temporalidade e a precariedade, pois desas contratacións apenas o 10% son indefinidas.  

Dende a Xunta, Covadonga Toca, a Secretaria Xeral de Emprego, asegurou que os datos do paro rexistrado “confirman o proceso de estabilización do emprego en Galicia”, destacando que soben os contratos indefinidos, facendo referencia a datos interanuais, e insistindo en que “o crecemento do emprego e da economía está marcado pola estabilidade e a responsabilidade do Goberno galego”, concluíndo que “A Axenda 20 está a impulsar o emprego de calidade”.

 

Reacción sindical

A CIG, pola súa banda, denuncia o fracaso das políticas económicas e de emprego da Xunta e exixe a inmediata derrogación das reformas. “Consolídanse en Galicia os efectos perniciosos das reformas laborais do PSOE e do PP”, asegura Fran Cartelle, o secretario confederal de Emprego da CIG, ao tempo que mantén que “esas reformas laborais que no seu día o actual presidente do goberno considerou que eran unha emenda á totalidade ás políticas laborais do PP e que, porén, hoxe, considera que son positivas aínda que haxa que mellorar a calidade do emprego”. Malia seguir a tendencia estacional, sinala, os datos poñen en evidencia o fracaso das políticas económicas e laborais dos gobernos da Xunta e do Estado, e nomeadamente as súas consecuencias, pois a perda real de empregos foi moi superior ao medre do paro rexistrado. Cartelle mantén que os datos de paro rexistrado poderían ser moito peores de terse en conta a terrible emigración de mocidade que sofre Galicia. Evidencia tamén a enorme precariedade que sofre a clase traballadora galega debido ao medre da temporalidade, á elevadísima rotación, a que case a metade dos contratos temporais ou indefinidos asinados son contratos a tempo parcial e a que practicamente a metade das persoas desempregadas non teñen cobertura e as que a teñen, na súa maioría son subsidios. 

Para UGT-Galicia, nesta conxuntura urxe un xiro das políticas económicas e sociais, polo que aseguran que “os obxectivos prioritarios das políticas de emprego e tanto dos Orzamentos Xerais do Estado como dos Orzamentos da Xunta para o 2019 deben ser máis emprego de calidade, combatendo o paro de longa duración e a precariedade laboral”. José Carlos Rodríguez Del Río, secretario de Política Institucional de UGT-Galicia ve imprescindible atender cuestións prioritarias neste senso, como “aumentar o grao de protección das prestacións por desemprego, poñer en marcha medidas de creación de emprego con recursos adicionais para mellorar a empregabilidade e lograr a inserción permanente dos desempregados, especialmente, dos colectivos con maiores dificultades de acceso ao emprego (parados de longa duración, mozos, maiores de 45 anos…) e loitar contra a contratación temporal e a tempo parcial inxustificadas, que están conducindo á economía e á sociedade cara un modelo de desenvolvemento desequilibrado que impide a recuperación das familias e da economía. Afirman tamén que a mellora da calidade no emprego e das rendas do traballo, no marco da sinatura do IV Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva, é fundamental na rehabilitación a medio e longo prazo da economía no seu conxunto”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies