A plataforma presenta solicitude de anulación da revisión do Plan Florestal de Galicia // Imaxe: Sindicaato Labrego Galego

Unha plataforma pide a anulación da proposta de revisión do Plan Forestal de Galicia

O pasado 3 de outubro, representantes de varias organizacións e colectivos sociais rexistraron na Xunta un documento no que solicitan a anulación da proposta de revisión do Plan Forestal de Galicia e a elaboración dun novo documento de consenso.

Basean a súa petición nunha serie de aspectos como que a revisión do Plan Forestal fai unha diagnose falsa da situación actual da superficie forestal galega, falta de representatividade dos axentes sociais na elaboración da proposta de revisión, falta dun instrumento de control e seguimento do cumprimento do plan forestal, falta de rigor no uso da linguaxe e confusión de termos que favorece a manipulación dos datos, favorecer exclusivamente á industria da madeira de baixo valor engadido, favorecer o monocultivo de eucalipto e non establecer zonas de exclusión, desprezar a conservación da diversidade ecolóxica, non avanzar no control das especies exóticas invasoras, só prever incentivos e medidas fiscais favorables para a industria da madeira e da enerxía, promover un modelo continuísta e fracasado para a prevención e defensa contra os lumes forestais que favorece á industria do lume, non contemplar a creación dun selo de certificación forestal público e galego, favorecer políticas agresivas cos montes veciñais en man común, só permitir fórmulas de asociacionismo forestal nas que intervén o capital privado ou a limitación da educación e a investigación sobre o monte ao eido forestalista.

Solicitan “a anulación da proposta de revisión do Plan Forestal de Galicia e a elaboración dun novo documento de base sobre planificación do monte a partir de información actualizada sobre a situación do monte galego e seguindo como principios reitores a diversidade de hábitats e especies, a multifuncionalidade de usos, o fomento do arborado autóctono, o mantemento dos servizos ecosistémicos que prestan os montes galegos e a sustentabilidade económica e social.

O documento foi asinado, entre outras, por ADEGA, AGA, Amarelante, ATRIFOGA, Bico de Grao, A.C. Bidueiro, Boca de Sapo, Bodega Líquido Gallaecia SL, Carballo Vivo, Casa do Río, Casa Colorida, CDR Ancares, Chao de Castro-Altair, CIG, CMVMC de Cubela, CMVMC de Froxán, CMVMC de ViladesusoI, Colectivo Terra, Cultura do País, Enarborar o Bosque, Enxeñería Sen Fronteiras, Factoría de Ideas, Foro Do Camiño, Foro Ecolóxico de Ribeira, FRUGA, Gentalha Do Pichel, Hortas do Val de Feáns, Illa BUFARDA, Instituto de Estudos Ulloáns, Lagares Vivo, MariñaPatrimonio, MilhUlloa, Naturviva, Petón do Lobo, Plataforma Sarriana polo Río, Proxecto Montenoso, Proxecto NEO, Quercus Sonora, Ridimoas, Ríos Con Vida, Sachos á Rúa, SLG, Tesouros de Galicia, Universidade da Coruña–OMA, Vegecultura, Verdegaia, etc.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies