Sede do proxecto home // Imaxe: http://proyectohombre.es

Proxecto Home queda sen centro en Lugo tras 21 anos de actividade

O peche no mes de setembro deste centro que Proxecto Home tiña na Tinería, en Lugo, fai que usuarios e usuarias sexan derivados a Santiago se queren continuar cos programas. Mentres o persoal ve o peche como unha “medida en represalia ante as súas demandas laborais”, o xerente, Ramón Gómez Crespo, asegura que se debe a unha reordenación de recursos ante a escasa demanda.

Para o persoal, con esta medida “Lugo queda desatendida, co que iso supón de dano para a poboación que tiña en Proxecto Home unha referencia para tratar o problema da drogadicción e a posterior reinserción na sociedade”. Recalcan que dito centro atendía unha media de 50 persoas ao ano, ademais das súas familias. Denuncian unha “estratexia de acoso e derribo” por parte da dirección, con “graves prexuízos para a súa labor profesional e para a súa saúde”, por entre outros motivos, enunciar que se lles vetara a derivación de usuarios á comunidade terapéutica de Cernadas (A Coruña), a pesar de contar con prazas baleiras, o que pode conlevar o desprazamento de usuarios e usuarias a outras Comunidades Autónomas para acudir a estes recursos. Por estes motivos, entenden que o peche do centro “traspasa o ámbito do conflito laboral interno e que a sociedade ten que tomar partido”, polo que comezarán a recoller sinaturas como mostra de apoio.
Gómez Crespo, pola súa banda, aseguro que a actividade “xa se viu reducida en Lugo en 2011 co peche dos pisos tutelados”, destacando que a decisión de pechar o centro “se tomou porque a demanda reduciuse moito e era preciso concentrar recursos onde si existe”.

Chelo García, representante sindical de CCOO denunciou a “explotación laboral e as irregularidades desta institución que xestiona subvencións e convenios con administracións públicas e entidades privadas”.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies