Imaxe: https://mareatlantica.org/

Iago Martínez deixa a fontanería para pasar á primeira liña da Marea Atlántica

Na tarde de onte a Marea Atlántica presentou a súa lista para as vindeiras municipais, na que o actual xefe de gabinete de Xulio Ferreiro, Iago Martínez, aparece en sétimo lugar, deixando a fontanería para pasar á primeira liña.

Xulio Ferreiro presentaba a súa lista para as primarias cualificándoa como “unida, ilusionada e coa forza da xente do común, que revalida a unidade ampla das forzas do cambio”, engadindo que “foi deseñada nun proceso de diálogo interno, con catro encontros ao longo do mes de xaneiro, abertos a todas as persoas inscritas”. “Desta candidatura sairá o próximo goberno da Coruña”, destacou.

A formación, con dez concelleiros na cidade herculina, copa así con edís e cargos actuais os sete primeiros postos. A Ferreiro séguenlle os actuais concelleiros María García (Medio Ambiente), Xiao Varela (Rexeneración Urbana), Silvia Cameán (Xustiza Social), Alberto Lema (Economía Social e Emprego) e Claudia Delso (Participación). No sétimo lugar está Iago Martínez, xefe de gabinete da alcaldía, membro da coordinadora da Marea Atlántica e man dereita do alcalde durante o actual mandato.

No oitavo posto sitúase Isabel Faraldo, representante de Podemos na Coruña. A formación morada inclúe así á súa representante na lista da Marea Atlántica antes de que o propio partido a refrende como número un, situación que xerou malestar dentro de Podemos.        

Continúan a lista Susana Soneira, presidenta do Colexio de Graduados Sociais, a única independente dos aspirantes a concelleiros, Javier Pérez, Natalia Balseiro, Adrián García, Leticia Barbadillo e Mariano Fernández.

A Marea Atlántica alónxase con esta fórmula das confluencias de fai cinco anos e copa a maior parte dos postos con persoal da propia formación. Esta situación provocou que, dende sectores de Esquerda Unida, esta semana formularan diversas críticas ao entender que tiñan que ter unha maior representación.

Ferreiro tivo unhas palabras de agradecemento para Rocío Fraga, José Manuel Sande, Eugenia Vieito e Daniel Díaz Grandío, que non continuarán en María Pita no vindeiro mandato, de quen manifestou “as compañeiras que marchan xa son parte da transformación que iniciamos. Se non é no Pazo, seguiremos con elas na praza, coma sempre. Grazas por ter sido tan inmenso motor de cambio”. 

O 7 de febreiro producirase a proclamación definitiva das candidaturas e pechará o prazo para solicitar o voto telemático, comezando a campaña electoral o día 8 e rematando o 14. As votacións iniciaranse o día 15, tanto de xeito presencial no local da Marea Atlántica como telemáticas para quen o solicitase. O 17 rematarán as votacións, publicándose o 18 os resultados provisionais e o 21 os definitivos. O 28 de marzo, segundo indican, a rede escollerá “os últimos postos da lista, reservados a persoas notables”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies