Imaxe: https://enmarea.gal

Alcoa anuncia o peche da súa instalación na Coruña

A multinacional do aluminio anuncia o peche da súa fábrica, o que suporá un duro golpe a nivel laboral e industrial para a comarca coruñesa, pero tamén para Galicia en xeral.
O argumento no que se basean para xustificar o peche é o elevado prezo da electricidade, a menor capacidade de produción das plantas, unha tecnoloxía menos eficiente e elevados custos fixos, entre outros.

O presidente do comité de empresa, Juan Carlos López Corbacho, anunciou a “resposta inmediata” do persoal ante o anuncio do despido colectivo, que se traduciu no bloqueo da fábrica para que non puidera saír material. Aseguraba Corbacho que dende 2011 teñen estes problemas “e estamos un pouco cansos, o cadro de persoal permaneceu paciente e con tranquilidade buscando unha solución pero tócanos falar a nós agora”. Para o persoal, esta situación ten causas creadas pola propia multinacional “e pola inacción do Goberno central e da Xunta de Galicia”.

Reaccións políticas inmediatas

O presidente da Xunta califiou o anuncio como “malas noticias” e anuncio que se coordinará co goberno de Asturias na defensa das fábricas, aproveitando tamén para verter críticas sobre o executivo central de Pedro Sánchez.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou “poñerse a disposición do cadro de persoal de Alcoa para facer fronte común en defensa do emprego e pola continuidade da actividade da planta”, anunciando a convocatoria dun pleno extraordinario e pedindo “un posicionamento unánime tanto na cidade como na Xunta e no Estado”.

Para o voceiro de En Marea, Luís Villares, “Alcoa é unha demostración máis de que a política enerxética en Galicia ten que ser outra, porque non se están aproveitando os nosos recursos para que xeren riqueza aquí, e os postos de traballo de Alcoa son riqueza”. Dende En Marea esixirase a comparecencia “dos nosos responsables da Xunta, porque non ten sentido que sendo Galicia produtora de electricidade as súas empresas teñan que pechar polo custo da enerxía”.

Ana Pontón, a voceira do BNG manifestaba que “que se vete a tarifa eléctrica galega mentres hai empresas nas que perigan centos de postos de traballo polo preo da electricidade é un disparate”.

O secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou todo o seu apoio aos traballadores de Alcoa, asegurando que “fai falla o compromiso de tódolos responsables públicos, tamén dunha Xunta ausente en política industrial, para promover unha senda de futuro que manteñan o emprego na Coruña e en Avilés”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies