Concentración contra a LOME // Imaxe: www.cig-ensino.gal

A Xunta dá pasos para nomear a dedo aos directores de colexios e institutos

O DOG publicou unha resolución pola que se convoca o curso de formación sobre o desenvolvemento da función directiva no ano 2018 que acredite para o acceso a postos de dirección en centros docentes sostidos con fondos públicos.

O requisito desta formación para poder participar no concurso de méritos para a selección de directores e directoras de centros públicos foi incluído na LOMCE e este é o primeiro ano que se oferta en Galiza. A CIG denuncia que “a consellaría segue así aplicando unha lei que contou e conta cun amplo rexeitamento social e faino precisamente cun dos puntos máis lesivos e que atenta contra a xestión democrática dos centros”. O sindicato nacionalista tamén lembra “que esta norma deixa en mans da administración a elección das direccións dos centros e réstalle peso nesta toma de decisión ao claustro e aos órganos de participación da comunidade educativa” e engaden que “a implantación deste curso é un chanzo máis na aposta da Xunta de Feijóo por unha lei que demandamos que máis pronto que tarde sexa derrogada e supedita a elección de persoas para cargos de dirección á posesión desta formación en xestión e non á vontade dos membros do claustro e do consello escolar dos centros”.

Segundo se publica no DOG, este ano ofértanse 150 prazas, distribuídas do seguinte xeito: 50 nas provincias da Coruña e de Pontevedra e 25 nas de Lugo e Ourense. A súa temporalización está prevista entre os meses de novembro e marzo e desenvolverase fundamentalmente en rede. As persoas que xa teñan a habilitación ou acreditación ou veñan ocupando este posto nos cinco anos seguintes á entrada en vigor da LOMCE, en decembro de 2013, poderán facer o curso de actualización de competencias directivas que se convocará nos próximos meses e que será requisito para poder optar de novo a este posto.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies