O conselleiro de Facenda na presentación no Parlamento das contas da Xunta para 2019

Os orzamentos da Xunta para 2019 reducen o profesorado até niveis inferiores a 2015

A CIG-Ensino denunciou que os orzamentos da Consellaría de Educación para o vindeiro ano levarán implícita unha redución de persoal dun 0,40% rompendo a tendencia dos últimos exercicios, nos que se mantiña conxelada a cifra na partida de persoal, e retrotraéndonos a cifras anteriores ao ano 2015. Os orzamentos de 2019 consignan un total de 29.987 docentes fronte a 30.098 dos dous últimos anos.

Nas contas da Consellaría confírmase tamén que o goberno galego non ten intención de negociar a recuperación das 18 horas lectivas en Secundaria e das 21 en primaria, xa que esta medida implicaría un incremento de postos de traballo. Así mesmo, tamén se pon de manifesto “que as tan cacarexadas amplas ofertas de emprego por parte da administración e dos sindicatos estatais do acordo de emprego, non só non van servir para ir recuperando os arredor de 3.000 efectivos perdidos desde 2010 no ensino público en Galiza senón que mesmo nos van situar en cifras semellantes a hai catro anos” segundo apuntou Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino. A central nacionalista tamén cargou contra o acordo dos sindicatos estatais cos gobernos de Madrid e Galiza para as ofertas de oposicións nestes anos: “non só non van implicar aumentar profesorado a nivel global senón que mesmo se reducirá, o que pode agravar a situación do persoal interino para o que a CIG-Ensino segue a demandar un acordo de estabilidade”.

Na avaliación que fai a central sobre o proxecto de orzamentos da Consellaría tamén se destaca que Educación será o terceiro departamento da Xunta que menos medrará o ano que vén, cun 2,93% de incremento, só por riba do de Facenda, e moi por debaixo do aumento medio da Xunta, situado nun 7,80%. Neste sentido, Bermello salientou que “un ano máis, a Consellaría perde peso específico no conxunto do goberno galego e o diñeiro que xestionará suporá o 21,18% do total da Xunta, fronte ao 22,19% do ano 2018 e moi lonxe do 26% que superou nos exercicios de 2007 e 2008”.

Mantense a perda de poder adquisitivo cunhas retribucións desvinculadas do IPC

O secretario nacional da CIG-Ensino, tamén manifestou que “cos últimos datos do IPC o profesorado galego rematará 2018, como nos últimos anos, perdendo poder adquisitivo, e iso tendo en conta que se xogou con todos os empregados públicos e co persoal docente en particular, con acordos asinados coa escusa da recuperación do arrebatado en anos anteriores. Pero non só non se recupera nada -puntualizou-, senón que a carestía da vida está por riba do que soben os nosos salarios”. Ademais, criticou fondamente que a desvinculación do IPC e a non incorporación dunha cláusula de revisión salarial nos pactos asinados polos sindicatos estatais “vaian impedir que teñamos unha paga como a que terán as persoas xubiladas en xaneiro”.

Aínda no capítulo de persoal, as partidas de Educación seguen sen recoller un dereito recortado por Feijóo e que lle permitía ao profesorado substituto que traballaba 5 meses e medio ao longo dun curso cobrara os meses de verán. Déixase así, unha vez máis, en papel mollado o que se recolle no acordo de persoal interino. Este recorte foi aplicado coa escusa da crise e limitado no tempo mais a realidade -comentou Bermello, “é que a Xunta de Feijóo mantén esa medida malia declarar a diario que a situación económica é de recuperación”.

Bermello tamén quixo puntualizar, fronte a anuncios propagandísticos desde hai case un ano, que a eliminación da penalización por enfermar está aínda pendente dunha modificación da Lei 2/2015 de emprego público. A proposta da Xunta limita o pagamento ás retribucións do primeiro mes, impedindo que aumentos salariais que se produzan durante a baixa poidan cobrarse. A CIG presentou alegacións contra esta proposta e o tema aínda está pendente de resposta por parte da administración.

O fomento da lingua, baixo mínimos.

A normalización lingüística, segregada tras o último cambio de goberno da Consellaría de Educación, frea o escaso crecemento que tivo no exercicio de 2018. A CIG-Ensino denuncia que para o ano 2109 o incremento de fondos baixa ao 5,98% (a metade do que subiu o ano anterior) e supón unha contía lixeiramente superior aos 8 millóns de euros. Isto supón que o goberno galego dedica só 0,71€ por cada 1.000€ a fomentar a nosa lingua.

Servizos complementares e outro persoal nos centros

Nos orzamentos do 2019 segue conxelada a partida destinada a comedores escolares, ao tempo que asistimos a espectáculos bochornosos como os denunciados pola CIG-Ensino a finais de setembro cos problemas de subministro nunha vintena de centros escolares pola xestión indirecta e privatizada pola que segue a optar a Xunta. Tamén a partida destinada ao transporte escolar volve reducirse un ano máis, neste caso un 0,35%.

No tocante ao persoal administrativo a Consellaría segue a negarse a incrementar os postos de traballo nos centros “para poñerlle freo á crecente burocratización das tarefas que se lle asignan ao profesorado, en detrimento das nosas funcións docentes”. Tampouco se toma a iniciativa para incluír outros perfís profesionais nos centros docentes (como educadores sociais, fisioterapeutas e outro persoal sanitario) como existen noutras comunidades autónomas ou como se financia a súa contratación en centros concertados en Galiza.

Tamén neste apartado, a CIG-Ensino critica que se manteña o sistema de subvención parcial dos libros de texto, impedindo que todo alumnado teña o dereito a material escolar de balde.

As subvencións e concertos co ensino privado soben por riba da media dos orzamentos da Consellaría.

O sindicato, na avaliación destas partidas, tamén quixo poñer o foco no total de transferencias que se orzamentan para entidades privadas (nas que se inclúen os concertos e outras subvencións a entidades educativas privadas) e que medran un 3,58%, o que implica unha suba superior ao 2,93% do crecemento total das contas da Consellaría. Mais esta suba é aínda superior no caso dos concertos educativos, situada nun 3,92%, un punto porcentual por riba dos orzamentos da Consellaría. “O cambio de cara á fronte da Consellaría semella que non vai supoñer ningún cambio transcendente de políticas e que a aposta polo ensino privado en detrimento do público, o mantemento dos recortes e a desgaleguización seguen sendo os principais eixos da Consellaría estea quen estea á súa fronte”, sentenciou Suso Bermello.

 

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies