“O futuro das pensións”, un libro para informar e poder frear o desmantelamento do sistema público

O libro “O futuro das pensións” é unha publicación gratuíta, editada en colaboración con MODEPEN e a Coordinadora Estatal, con textos de 15 persoas expertas nesta materia na UE

A eurodeputada galega Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), acompañada por Victoria Portas, voceira da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e integrante do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN) e polo escritor e economista Xabier Pérez Davila, presentaron onte o libro “O futuro das pensións. Galiza, estado español e Europa”. A publicación recolle textos dunha quincena de expertos e expertas en seguridade social, materia laboral e xubilación e pensións de diferentes partes do estado español e doutros países da UE, que participaron no pasado mes de setembro nunha xornada organizada por Senra en Compostela sobre esta cuestión.   

Durante a rolda de prensa, a eurodeputada denunciou que “estanse impoñendo reformas de pensións que conlevan o desmantelamento do sistema público tal e como o coñecemos, en detrimento de establecer mecanismos que garantan que as persoas cando se xubilen non entren na pobreza como xa está acontecendo”. Asegurou tamén que “as institucións europeas parten do recoñecemento de que as pensións públicas son cada vez menores e máis insuficientes e ante iso, en lugar de poñer medidas que solucionen e corrixan esta situación, poñen en marcha o PEPP que vai favorecer os intereses do capital por riba dos das persoas”.

Na mesma liña, Victoria Portas destacou que o libro chega nun bo momento, porque “non está chegando información veraz á poboación sobre o que está acontecendo co desmantelamento do sistema público de pensións no estado español e no resto da UE”. Salientou que “precisamos uns orzamentos sociais a nivel galego e tamén estatal” e advertiu á Xunta que “ten competencias suficientes para poder complementar a normativa do estado español na materia e mellorar a situación, o que pasa é que Feijoo non quere facelo”, polo que reclamou tamén “uns servizos sociais que sexan suficientes, non de subsistencia”.    

Xabier Pérez Davila asegurou “queren gravar a lume nos cerebros da mocidade que non van cobrar unha pensión e nós queremos dicirlles que si que a cobrarán se a defenden, que non é un problema económico senón político, pois o deseño da política económica actual responde aos intereses dos bancos”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies