A Mesa publica un catálogo dixital con propostas de agasallos de Nadal en galego
A Mesa pola Normalización Lingüística ven de lanzar un catálogo cun cento de propostas de agasallos de Nadal en galego, coa vontade de recoñecer ás entidades que empregan con normalidade o galego no ámbito socioeconómico e lembrar que “facendo presentes en galego como consumidores e consumidoras poñemos en valor a nosa lingua, a nosa cultura e tamén a nosa economía”.
O catálogo forma parte do proxecto “Abertos ao Galego”, que certifica o compromiso coa normalización da nosa lingua de empresas, comercios, asociacións e entidades de toda índole, acompañándoas e animando ás consumidoras e consumidores a apoialas, escollendo os seus produtos ou servizos. Libros, discos, cadernos, elementos decorativos, xogos, roupa, complementos, experiencias… conforman eses agasallos que contribúen á normalización do galego.
Dende a Mesa pola Normalización Lingüística lembran que “todas as decisións que tomamos como consumidores e consumidoras teñen implicacións”, tal e como asegura Marcos Maceira, o presidente da Mesa, “non ten as mesmas repercusións económicas, laborais ou ecolóxicas comprar un iogur fabricado en Francia que en Galiza, do mesmo xeito que non é o mesmo ter contratada unha empresa de telefonía que emprega persoas que poden atender á clientela en galego ou unha que non da o seu servizo na nosa lingua”. Por isto, dende a Mesa instan a traballar con empresas que fagan uso do galego “e así poidamos recibir unha atención máis próxima, manter postos de traballo no país e poñer en valor o uso da nosa lingua por parte das empresas e na etiquetaxe dos produtos, que supón un sinal de calidade e orixe”.
Catálogo de Nadal 2018!🎄
Realiza as túas compras 🛍 en empresas que aposten polo galego
Consúltao aquí: https://t.co/R48qcUO2RI pic.twitter.com/2xIhfpMfwi— Abertos ao Galego (@AbertosaoGalego) December 7, 2018
https://www.dropbox.com/s/fkoggkp7ezrblot/CatalogoNadal_Abertos_def.pdf?dl=0