Marcos Suárez volverá a encabezar a lista do BNG en Moraña

A organización nacionalista vén de presentar a Marcos Suárez como cabeza de lista nunha rolda de prensa celebrada no local comarcal do BNG na que estiveron presentes tamén o responsabél comarcal do BNG, Demetrio Gómez, o responsábel local do BNG-Moraña Rubén Fernández e Eva Vilaverde, deputada provincial, concelleira en Moraña e responsábel de política municipal do BNG. O actual portavoz municipal volveu contar coa confianza da militancia para presentarse, por terceira vez, como candidato á alcaldía de Moraña pola BNG.

Marcos Suárez agradeceu a confianza depositada nel e afirmou que encara esta “responsabilidade con máis gañas e máis ilusión incluso que a primeira vez”, xa que, afirmou, “quero seguir traballando por este concello e pola súa veciñanza e contribuír a recuperar a nosa autoestima e o orgullo de sermos de Moraña, e para iso precisamos un concello diferente e moderno que só se pode construír cun proxecto con perspectiva de futuro e con ideas propias e avanzadas”.

Marcos Suárez cre que hai que darlle a volta á situación actual na que se atopa Moraña, por exemplo “na xestión do lixo a través da compostaxe, en alternativas para que a mocidade non siga marchando de Moraña, nunha cultura participativa, na modernización do centro urbano como un lugar atractivo ou en parroquias nas que poder vivir a gusto”.

Remata o portavoz municipal e candidato á alcaldía afirmando que “o BNG é unha organización política á alza, levamos medrando progresivamente en todas as eleccións municipais dos últimos 12 anos, somos o referente da oposición no noso concello e polo tanto somos a alternativa ao Partido Popular. Precisamente por este motivo fago un chamamento a todas aquelas veciñas e veciños que non se conforman coa Moraña triste, rutineira e a remolque que nos ofrece o Partido Popular. Quero que saiban que teñen en nós a alternativa seria, rigorosa e necesaria para avanzarmos nos nosos obxectivos e mellorar a nosa calidade de vida”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies