http://mareatlantica.org/

Podemos reclama postos de saída para as municipais á Marea Atlántica

Ademais de reclamar postos de saída á Marea Atlántica, Podemos fixo o propio en Pontevedra e Ourense

Na Coruña, Podemos realizará o seu propio proceso de primarias despois de que o acometa a Marea Atlántica, pois o da formación morada “inda non está convocado”, feito polo cal, segundo prantexou nunha entrevista concedida a fin de semana á Cadena Ser, o secretario xeral de Podemos en A Coruña, Jose García Buitrón, “o que faremos na nosa posición de partida é entender e configurar unha candidatura común onde Podemos obviamente, debe estar nas posicións de goberno que lle corresponden”.

En relación ás datas para as primarias de Podemos A Coruña, Buitrón asegurou que “tiñan un problema de concreción de datas para poder participar nas primarias de Marea Atlántica”, pois “a convocatoria de Podemos non é unha convocatoria local para elixir aos nosos candidatos, é unha convocatoria estatal, non depende de nos que fagamos aquí as primarias de Podemos ao noso ritmo, senón que haberá unha convocatoria xeral”. 

Explicaba tamén o secretario xeral de Podemos A Coruña que “nas pasadas eleccións, por razóns que agora non veñen a conto, a Podemos pillounos co paso cambiado, de se presentarnos ou non nos espazos municipais, e Podemos quedou fora do goberno municipal. Obviamente iso hoxe ten que cambiar, e estou convencido de que así o entenderán todas as instancias de Marea Atlántica”.

Cuestionado sobre a situación interna de En Marea, Buitrón manifestou que para el “En Marea naceu froito dunha precipitación”, pois entende que “foi un erro crear un partido instrumental en lugar de apostar por unha alianza de diferentes formacións políticas, que é o común”.   

Similar situación noutras localidades

José Ramón Otero, secretario municipal do círculo Podemos Pontevedra, asegurou que haberá candidatura de Podemos ás eleccións municipais en Pontevedra, “baixo a súa marca electoral e en coalición con todas as forzas afíns que se queiran sumar”, inda que remarcou que “falta por definir os compañeiros de viaxe”, estudan a posibilidade dun pacto con Esquerda Unida e Equo, co que o acordo sería idéntico ao que o partido de Pablo Iglesias asinou a nivel estatal coas citadas forzas. Ao igual que na Marea Atlántica, Podemos apenas ten presenza en Marea Pontevedra, que acadou dous edís no Concello nas pasadas eleccións.

Ourense en Común tamén pretende presentarse ás eleccións co apoio de Podemos e Esquerda Unida, inda que a afiliación das persoas que deben ocupar os postos máis altos da candidatura tamén era moi relevante para a formación morada. 

Podemos rachou con LugoNovo polo mesmo motivo e agárdase que en breve tamén pida postos de saída en Compostela Aberta.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies