Imaxe: http://mareatlantica.org/

Podemos, EU e Anova claman pola unidade tras romper con En Marea

Tanto Podemos como Esquerda Unida e Anova apostan abertamente pola coalición, tras romper con En Marea ao non presentarse ás primarias da formación.

Podemos Galicia, ante o novo reto electoral, fai unha proposta que pasa por “recoñecendo o positivo do construído en decembro de 2015 e xuño de 2016 tecer unha alianza electoral en forma de coalición, enmarcada na alianza confederal e plurinacional do conxunto de actores do cambio do Estado”.

Pola súa banda, en Esquerda Unida, mentres Yolanda Díaz fai un chamamento a Villares para que En Marea se sume á coalición que pretende reeditar o pacto de esquerdas galego que se presentou ás eleccións de 2015, sumándose así á oferta feita pública tamén polo voceiro de Anova, Antón Sánchez e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro. A ese chamamento, non se sumou Eva Solla, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, asegurando que “as conversas entre Anova, EU e Podemos para reeditar o acordo estaban moi avanzadas, sen que houbese ningún tipo de contacto con En Marea, que xa tiña o seu proceso de primarias”. 

O voceiro nacional de Anova, Antón Sánchez, aseguraba nunha entrevista que “a consecución dunha fronte ampla de esquerdas de cara ao 28-A sería a alternativa idónea” e que “a incorporación de En Marea dentro dela sería unha boa nova”, enfatizando que “o noso chamamento non ten exclusións, non está pechado a ningunha forza de esquerdas”.

En Marea confirmaba onte as candidaturas que se presentarán ás eleccións xerais e europeas. Os cabezas de lista sairán das votacións que se celebrarán do venres 8 de marzo ao domingo 10, tendo o mércores 13 aos candidatos definitivos.    

A organización semella seguir apostando por presentarse como formación propia, pois a coalición, alén de non permitir presentarse a calquera persoa, como si se pode facer nas primarias, non permite obter grupo parlamentar propio.

Fontes próximas á dirección de En Marea critican a actitude das cúpulas de Podemos, EU e Anova, pois aseguran que as súas formacións teñen cabida en En Marea, nomeadamente no Consello das Mareas, onde as persoas inscritas decidiron que estiveran e non se presentaron a ningún deles dende a constitución da nova dirección, alén de desmarcarse e non participar no proceso de primarias da formación na que se integraban e rachar con ela, polo que semella difícil artellar un relato de unidade popular con eses precedentes. 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies