http://www.sindicatolabrego.com/

Problemas para cobrar a PAC por culpa dos procesos de concentración parcelaria

O Sindicato Labrego Galego (SLG) denuncia que hai granxas con problemas para cobrar a PAC por culpa dos procesos de concentración parcelaria

 O SLG indica, a través dun comunicado, que solicitará unha entrevista cos responsables da Consellería de Medio Rural “para denunciar o impago das axudas da PAC a granxas que están afectadas por procesos de concentración parcelaria”, pois aseguran que se trata “dun problema xeneralizado en Galicia e no que a Consellería de Medio Rural está a demostrar a máis absoluta desidia, deixando ás granxas afectadas á súa sorte”.

Por este problema, segundo refiren dende o Sindicato, hai labregas e labregos que inda non cobraron a PAC de 2017, polo que coa de 2018 estarán na mesma situación, mentres quen non ten este problema “xa ingresaron un adianto do 90% destas axudas correspondentes ao presente ano”.

O problema radica, afirman, en que “por mor da desidia da Consellería de Medio Rural, moitas fincas con dereitos de cobro na PAC afectadas por parcelarias non están actualizadas e, polo tanto, non poden ingresar os cartos a que teñen dereito ata que os predios afectados se actualicen”. 

Todo este problema, para o SLG “é unicamente imputable á Consellería de Medio Rural, probablemente motivado polos fortes recortes do persoal que debería xestionar a actualización das fincas afectadas, ben nas oficinas agrarias comarcais, ben en organismos coma o Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA)”.

Dende o Sindicato, solicitarán “unha xuntanza coa Consellería de Medio Rural para pedirlle que actúe con urxencia para solucionar este grave problema creado pola propia Administración e que está a poñer en xaque a viabilidade de moitas granxas”. 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies