O STEG critica os recortes en educación no novo comezo do curso

O sindicato do profesorado critica o optimismo da consellería e debuxa unha realidade ben diferente.

O STEG non comparte o optimismo amosado pola Consellería de Educación e se amosa contundente ante a normalidade con que a Xunta de Galicia inaugurou o novo curso escolar. Deste xeito criticou as declaración de que “o actual curso comezou con total normalidade” que se emitiron desde o goberno.

“Co cambio de titular da Consellería o presidente Feijóo anunciou que agora o goberno está “apuntalado”; independentemente de que esta afirmación non deixe en moi bo lugar ao conselleiro saínte, albergamos serias dúbidas de que o novo nomeamento de Carmen Pomar coma Conselleira de Educación signifique cambio ningún nas políticas educativas da Xunta”, indicaron dende o sindicato.

“Como cada comezo de curso co goberno do PP na Galiza, isto significou para os centros públicos de ensino do noso país novos problemas, repetición dos que xa había, máis recortes, menos profesorado e por tanto unha maior precariedade nun eido fundamental para a nosa vida en sociedade. Neste contexto, para o STEG resulta fundamental, en primeiro lugar, incidir na necesidade de reverter as políticas educativas que vimos padecendo dende hai un lustro e fronte ás cales agora puidese tomar outro rumbo (alomenos no Estado) a nova maioría parlamentaria”, engadiron.

Para o STEG, o curso que acaba de botar a andar ten que ser o curso en que, canda á demanda xeral de aumento do investimento público educativo, se recupere o poder adquisitivo das traballadoras e traballadores do ensino e as condicións de traballo que había antes dos decretos referidos: diminuír o horario lectivo do profesorado; acabar co abuso das ratios escolares e restablecer as condicións que tiñan as/os ensinantes maiores de 55 anos, medidas todas elas que facilitarían un aumento dos persoais docentes; así mesmo, mellorar os permisos e licenzas, acabar coas penalizacións económicas polas baixas médicas e cumprir con rigor as normativas sobre saúde laboral, que son outras reivindicacións fundamentais. 

Nunha dura nota de prensa a organización sindical carga contra todos os temas pendentes do goberno de Feijoo: o peche das escolas do rural,  a deficiente xestión do transporte en xeral e e do transporte integrado en particular, a rocambolesca situación das cafetarías dos centros públicos de ensino; a deriva da xestión indirecta dos comedores escolares, moitos deles nas mans de empresas privadas radicadas a centos de quilómetros do país, o recorte brutal do profesorado, a alarmante diminución nas axudas á promoción da normalización do galego, o desleixo e as tesoiradas na atención á diversidade, a preocupante redución dos contidos humanísticos, as ratios por riba do legalmente establecido, a pésima xestión das interinidades e substitucións, as obras inacabadas e deficiencias estruturais nos centros e a a non substitución das persoas auxiliares de conversa entre outras.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies