Colexio de educadoras e educadores sociais de Galicia // Imaxe: http://ceesg.org

Solicitan a creación dunha Lei galega de Educación Social

O Colexio de Educación Social solicitaralle a Feijoo a creación dunha Lei galega de educación social

Hoxe día 2 de outubro celébrase o Día Internacional da Educación Social. Nesta data, as organizacións colexiais de todo o estado organizan diversos actos para visibilizar e poñer en valor esta profesión. No caso de Galicia, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia ten previsto desenvolver actos nas tres universidades galegas, na que terá protagonismo a Historia da Educación Social en Galicia, pois presentarase a revista Galeduso no 12 -un monográfico sobre este tema- e visionarase o documentario ‘Fitos e feitos da Educación Social en Galicia’, ambos traballos realizados polo colexio profesional, coa colaboración doutras entidades. Tamén se presentará un folleto de recente publicación, que recolle as funcións da profesión de Educación Social, clasificadas nos seus distintos ámbitos de traballo. Ao final da nota recóllense o lugar e hora das presentacións.
Tamén nas redes sociais se convida a profesionais, estudantes, docentes, e a calquera persoa que sinta afinidade pola profesión de Educación Social, a que fagan visible en redes sociais neste Día Internacional, co cancelo #Edusoday2018.

A lei a prol da regularización do dereito á Educación Social

Todos os traballos presentados nestes actos teñen un obxectivo principal común, que é a visibilización dunha profesión para a que dende os colexios profesionais de Educación Social levan moito tempo reclamando unha regulamentación. Precisamente mañá cúmprese un ano dende que o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia presentase oficialmente á Presidencia da Xunta de Galicia unha solicitude para a creación dunha Lei Galega de Educación Social. Recoñecer a Educación Social como un dereito da cidadanía sería o principal obxectivo desta lei, que ademais serviría para garantir a profesionalidade e a calidade das intervencións socioeducativas.
Está en marcha unha campaña iniciada polo Consejo General de Colegios de Educadoras y Educadores Sociales, a través da cal xa se teñen acadado moitos apoios, non só da cidadanía, senón tamén por parte de institucións públicas e privadas.

A profesión de Educación Social

Como titulación universitaria, Educación Social nace en 1991, tras unha mobilización social que reivindicou o papel relevante deste perfil profesional no desenvolvemento das políticas sociais e educativas, e vendo que ningunha formación específica existente naquel tempo se adecuaba a dito perfil. Esta figura resulta pois froito da combinación de diferentes ocupacións, que converxeron nunha identidade profesional única. A súa rápida expansión é o reflexo do carácter dinámico, socializador e de transformación social da figura da Educadora e do Educador Social.
As educadoras e educadores sociais traballan con persoas (grupos, comunidades, familias e tamén individualmente) para lograr procesos de desenvolvemento social e cultural e atender ás súas necesidades, potencialidades e expectativas, especialmente coas persoas en situación de vulnerabilidade. Esta acción socioeducativa baséase, entre outros, nos principios de respecto aos dereitos humanos, da xustiza social e da profesionalidade, baixo as pautas dun código deontolóxico. Podemos atopar con profesionais desta disciplina tanto na administración pública como no terceiro sector, e tamén no sector privado.

Lugar e hora das presentacións do día 2 de outubro:

  • Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, Salón de Graos, ás 10:30 h.
  • Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago, Salón de Actos, ás 10:30 h.
  • Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense, da Universidade de Vigo, Sala Emilia Pardo Bazán, ás 19:30 h.

Ver detalles das actividades organizadas en Galicia.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies