O TSXG condea por enchufismo á Consellería de Educación
A CIG-Ensino consegue anular un clamoroso caso de enchufismo no concurso de traslados.
O TSXG ven de ditar unha sentenza na que confirma todas as acusacións que a CIG-Ensino fixo nun caso de enchufismo coa creación “ad homine” e adxudicación dunha praza no concurso xeral de traslados do ano 2016 na Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra.
A sentenza do TSXG constata “ a desviación de poder, a torcida intencionalidade, o ocultismo e a evidente mostra de nepotismo” por parte da Consellería de Educación na creación e adxudicación de dita praza.
Os feitos remóntanse a 2014, cando, segundo denunciou o sindicato, “se pretende incorporar irregularmente a unha listaxe de interinos, creando unha praza dunha especialidade que non se imparte en Galicia e que non era necesaria no centro, a unha persoa, naquel momento funcionaria de carreira en Asturias, que é cuñada de Susana López Abella, Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta, unha medida que se viu truncada trala reclamación de diversas persoas prexudicadas”.
A sentenza “anula o destino adxudicado e supón unha chamada de atención á falta de transparencia na Consellería de Educación”, apuntan dende a CIG, dende onde esixen a execución inmediata da sentenza e reiteran a súa demanda de “asumir unha política de total transparencia na xestión das prazas que se ofertan nos diferentes concursos”.
A CIG-Ensino consegue anular un clamoroso enchufismo no CXT.
A sentenza do TSGX constata “a desviación de poder, a torcida intencionalidade, o ocultismo e a evidente mostra de nepotismo” no caso dunha praza na Escola de Restauración de Bens Culturais.https://t.co/D8QCEn1JdN pic.twitter.com/VSYPTVd60w— CIG Ensino (@CIGEnsino) October 25, 2018