http://www.coruna.gal/portal/es

Máis de 10.000 participantes nas iniciativas de Educación Ambiental en 2018

Segundo estimacións da Concellaría de Medio Ambiente, máis de 10.000 persoas participaron nos programas de Educación Ambiental impulsados polo Concello da Coruña

A Concellaría de Medio Ambiente asegura que “unhas 7000 persoas participaron das iniciativas do programa estable dirixido a centros escolares, entidades e colectivos nas diferentes actividades puntuais sobre xestión de residuos, o ciclo da auga ou a calidade ambiental. Outras 3000 persoas participaron en diferentes iniciativas de sensibilización ambiental impulsadas polo Concello” durante o pasado ano.

Trátase dun programa anual, pensado como apoio para os centros escolares, entidades e colectivos, tanto formais como informais, que queiran coñecer máis sobre diferentes cuestións ambientais. As actividades do programa estable, ao longo do ano, segundo explicaron dende a institución, “inclúen charlas, obradoiros ou visitas a lugares de interese ambiental” e se complementan “con accións puntuais como os programas Móllate! Ou No seu sitio”.

María García, concelleira de Medio Ambiente, salienta que “só unha cidadanía máis consciente e máis comprometida pode facer fronte ao maior desafío que ten a humanidade, que é o cambio climático, e para o cal os estados teñen que tomar hoxe medidas e estar á súa altura”. Asegurando que “pola nosa banda, dende o ámbito local estamos a actuar non só en vías para paliar o cambio climático a través de políticas de mobilidade, eficiencia enerxética, expansión do arborado e apostando por unha maior naturalización da cidade, pero é necesario abordar este reto tamén dende a educación e a concienciación”.   

Estas actividades terán continuidade coa licitación do vindeiro prego de contratación deste servizo, que está en período de presentación de ofertas ata o día 11 de xaneiro.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies