https://www.cig.gal/

Carta aberta dos PACs en pé de guerra ao SERGAS

Dende o colectivo PACs en pé de guerra da área da Coruña veñen de enviar unha carta aberta ao Sergas explicando as razóns polas que rexeitan a súa proposta.

A través dunha carta aberta, os PACs en pe de guerra aseguran “alegranos oír que seguen abertos a alcanzar un acordo cos traballadores dos PAC, inda que sexa a través da prensa”, polo que agardan que pronto se convoque ao comité de folga para “chegar a unha solución definitva, como todos desexamos”.

En canto á última proposta feita polo Sergas, refiren “xa foi rexeitada polos traballadores por ser insuficiente”, e explican os motivos que os levaron a facelo, comezando polo tema da manutención, pois “ofertar pagar dúas comidas nas xornadas de 24 horas nos lugares onde non se fai, máis que unha oferta é unha disfunción que debería terse solventado no mesmo momento no que se tivo coñecemento dela, e non case un ano despois dentro dunha negociación”.

En canto aos equipos de protección, entenden que “que nos dean un traxe igual para todos non significa que se cumpra coa normativa”, e demandan que fagan un estudo de prevención de riscos laborais “e que sexan os expertos os que definan que precisamos, en que cantidade, e por suposto, incluír ao persoal eventual e en formación”.    

Sobre a neutralidade de permisos, aseguran “non comprendemos como aplicando os mesmos criterios, incluído o aplicativo de liquidación, poden falar de neutralidade, pois somos dos poucos traballadores, por non dicir os únicos, nos que na nosa xornada de traballo xeramos horas ordinarias e horas extraordinarias ou complementarias, que non son contabilizadas no caso de baixas e permisos, e que estamos dispoñibles os 365 días do ano, sen asinar ningún tipo de voluntariedade”. Apuntan tamén que celebran que o Sergas recapacitase sobre vincular “a derivación á produtividade”, pois entenden que facelo “non deixa de ser unha irresponsabilidade de cara aos doentes, e unha falta de respecto ao traballo e ao criterio dos profesionais”.    

Por último, lamentan que no resto das reivindicacións “non entrasen nin tan sequera a facer proposta, como é o caso de seguir conxelado o 20% dos nosos complementos de nocturnidade e festividade, a dotación de persoal e equipos ou a falsa seguridade do control do 061, cuxos efectivos na zona somos nos mesmos”.

Rematan a misiva enfatizando que o persoal dos PAC son os primeiros interesados en solventar a situación, asegurando “so teñen que convocar ao comité de folga, vir con ganas de solución e propostas axeitadas, se non, seguiremos en pé de guerra”.    

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies