// Imaxe: https://enmarea.gal/

Podemos valora impulsar unha nova coalición de partidos á marxe de En Marea

Podemos ofrece a Esquerda Unida, Anova e algunhas mareas locais abrir un “diálogo” á marxe de En Marea trala derrota de David Bruzos nas eleccións internas.

A cúpula da formación morada ofreceu a Esquerda Unida, Anova e ás que denominan “mareas consolidadas” abrir un “diálogo” fóra do seo de En Marea e impulsar a creación dunha nova fronte de partidos.

Podemos remitía onte aos seus inscritos o informe realizado polo perito informático xunto cun comunicado no que “convida a establecer un diálogo externo co resto de organizacións e mareas, críticas coa dirección de En Marea de cara a articular, de forma democrática e colectiva a Galicia que vén”.  

No informe remitido polo perito informático, este conclúe que “o descoñecemento por parte deste perito sobre quen puido e pode ter acceso á base de datos onde se albergan os resultados de cada votación, non permite a este perito garantir que estes poidan manter a integridade con relación ao realmente votado por cada usuario durante todo o proceso electoral”.   

Abren así a porta a deixar de participar en En Marea e a dirección da formación liderada por Gómez-Reino ofrécese a encabezar os movementos que, segundo o comunicado, “cristalizarían nunha conferencia política de país, no que abordarían o futuro da unidade popular”, o que suporía a escenificación da ruptura do partido instrumental.

Podemos continua sen recoñecer os resultados das eleccións internas, e consideran “inhabilitados politicamente” aos órganos de dirección de En Marea, constituídos o pasado 29 de decembro sen a presenza das 14 persoas electas da candidatura “Entre Todas”, polo que convidan ao resto de organizacións e mareas críticas con Villares a iniciar un camiño sen contar co maxistrado en excedencia e os seus afíns.    

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies