https://www.cig-ensino.gal/

O Consello Escolar do Estado aproba algunhas emendas da CIG, obviando as principais propostas

O Pleno do Consello Escolar do Estado só aprobou 12 das 124 emendas presentadas pola CIG-Ensino, virándolle as costas ás principais propostas de mellora para o profesorado e o ensino público.

 As principais propostas formuladas pola CIG-Ensino que obtiveron o respaldo da maioría do Pleno foron “a anulación da proposta da permanente do Consello Escolar que pretendía que o Ministerio fixase unha proporción mínima do uso do castelán, invadindo as competencias das Comunidades Autónomas con lingua propia como Galiza, a necesidade de incorporar un plan de igualdade no Proxecto Educativo dos centros” ou “o rexeitamento a que sigan sendo as institucións relixiosas as que determinen o currículo correspondente á materia de relixión”.  

Aprobouse tamén, a proposta do sindicato galego, unha indicación sobre que “a necesaria atención á diversidade debe vir acompañada da suficiente dotación de profesorado para reforzar a función titorial, xunto coa ampliación de profesorado de PT e AL e de Orientación” e unha emenda que indica que “as aulas que escolaricen alumnado con necesidades de apoio educativo terán reducida a súa ratio”.  

Quedaron fora a maioría das propostas do sindicato para a mellora das condicións laborais como o acceso diferenciado, a formación permanente, o aumento de profesorado, a diminución de ratios ou a estabilidade no posto de traballo.  

Dende a CIG-Ensino refiren que “a situación política actual e as dúbidas sobre os prazos para tirar abaixo a LOMCE fan que se manteñan todas as incertezas existentes e que se confirme que a vía empregada polo goberno non pareza a máis acaída para derrubar a LOMCE”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies