Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz durante unha comparecencia na Coruña // Imaxe: http://congreso.enmarea.gal

A comisión de garantías de Podemos valida as primarias de En Marea e pon en dúbida as propias

A comisión de garantías de Podemos ven de refrendar implícitamente as primarias de En Marea dando por válidos os argumentos da dirección de Luis Villares e cargando contra o secretario xeral galego, Antón Gómez-Reino.

O máximo órgano de garantías de Podemos ven de enviar un escrito a Pablo Echenique, secretario da organización morada a nivel estatal no que pon en sospeita as primarias das que resultou gañador o actual secretario da formación en Galicia, Antón Gómez-Reino.

O organismo de garantías de Podemos dá por probado o acceso irregular ao censo constatado por unha auditoría e o volcado dos datos das persoas inscritas e desvela que a persoa que o realizou foi a mesma que cometeu unha vulneración similar cando tiña unha responsabilidade en Podemos a nivel estatal.

O órgano de garantías de Podemos bota por terra o argumentario co que Antón Gómez-Reino atacou as primarias de En Marea pero tamén deixa en entredito o seguidismo da organización morada que realizaron Anova e Esquerda Unida que se meteron nunha vía sen saída á que conduciron aos alcaldes da Coruña e Santiago de Compostela que saíron cunha imaxe moi tocada de todo o proceso de renovación da formación confluente. O órgano indica que despois de que Podemos se implicase “de xeito máximo no respaldo persoal e político á candidatura de David Bruzos e contando con apoio idéntico de Esquerda Unida, Anova e os tres alcaldes do cambio” soamente conseguiran 1.098 votos.

Auditorías en Podemos Galicia

A comisión de Podemos Galicia ven de solicitar que se realicen “tres auditorías independentes” do proceso que elixiu a Gómez-Reino como secretario xeral e que se realicen por “peritos escollidos a través dun acordo das dúas candidaturas” e piden “a revisión completa dos rexistros implicados en tódalas fases do proceso (censo, DNIs validados, inscricións, envío de SMS e escrutinio”.

Gómez-Reino atópase agora entre a espada e a parede. Por unha banda acaba de quedar desacreditado por un órgano que acaba de refutar o seu argumentario contra En Marea e, por outra, venlle un boomerang de volta no que se lle plantexan dous escenarios: Se Echenique permite unha auditoría vai poñer en entredito a limpeza do proceso no que resultou electo Gómez-Reino. Se non se realiza a auditoría desarmará por completo as reclamacións que dirixía o secretario xeral de Podemos Galicia a En Marea e, ademais, deixará en evidencia a hipocresía de reclamar para outros o que non quere realizar un.

Desconcerto en Podemos Galicia

A resolución da comisión de garantías correu como a pólvora entre as inscritas da formación morada en Galicia e sorprendeu a propios e estranos xa que é coñecido que esta comisión é afín a Antón Gómez-Reino dunha proporción de 3 a 1 polo que a sorpresa foi maiúscula.

Os rumores que percorren a día de hoxe a organización morada e os seus foros son que, igual que aconteceu outra veces coas voces críticas, o órgano sexa disolto por Pablo Echenique coa finalidade de non dar resposta a unhas preguntas incómodas e que deixan en evidencia a xestión e a estratexia seguida pola formación morada contra a confluencia galega.

 

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies