Acumulamento de gallináceas no vertedorio de Sandiás

Denuncian ante o Comisario Europeo de Agricultura a contaminación de augas na Limia

A coordenadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUe/NGL), Lídia Senra, denunciou hoxe durante a sesión da Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo a contaminación provocada pola produción industrial do modelo COREN na comarca da Limia.

A súa intervención tivo lugar durante o punto da axenda de traballo reservado para establecer un intercambio de puntos de vista co Comisario de Agricultura e Desenvolvemento Rural, Phil Hogan. As deputadas e deputados debateron ca Comisión Europea cuestións relacionadas ca denominada “nova arquitectura verde” e as propostas lexislativas para a PAC logo do 2020. “E fundamental abordar o modelo de produción, abordar a regulación da produción, abordar mercados e abordar os prezos”, insistiu unha vez máis a eurodeputada galega ao tempo que criticou a “continua política de parches da UE”, advertindo que a realidade dista da visión teórica e sobre o papel á que moitas veces se limita a aplicación das políticas agrarias europeas.

“Agora mesmo na Galiza temos unha forte crisis pola contaminación do cebo industrial. Na comarca da Limia a auga está fortemente contaminada e a solución que se está a dar é acaparar terra para convertela en depósitos de máis puríns que están empeorando inda máis a contaminación da auga”, exemplificou, “e todo isto estase a facer tamén cos cartos da PAC”.

Senra pediu á Comisión e ao Parlamento que vaian ao fondo, “falar do modelo”, repensar o tipo de desenvolvemento rural que está tendo a UE e realizar todas as modificacións precisas ata conseguir “un modelo que garanta que todas as persoas que se adiquen á actividade agraria ou gandeira poidan vivir do seu traballo”, vinculado a dinámicas produtivas “que poñan fin tanto ás crises medioambientais como ás de prezos e, en definitiva, á destrucción do medio rural e dos postos de traballo na agricultura”.

Crítica aos TLC’s

Lídia Senra tomou tamén a palabra durante o debate mantido posteriormente con un representante da Comisión Europea en relación á situación do mercado dos cítricos, afectado polo tratado de liberalización comercial aprobado entre a UE e os países de África meridional no ano 2016 e que elimina os aranceis anteriormente aplicados aos cítricos africanos.

Senra cualificou de cínica e de “insulto á intelixencia” a pretensión do representante da CE de atribuír a baixada de prezos no mercado dos cítricos no Estado español a cuestións técnicas e á mala organización das labregas e labregos. “Ata aí podíamos chegar. É un problema político que vense arrastrando. E a orixe destes problemas está nos tratados de libre comercio que tan alegremente se consinten neste Parlamento. Non co meu voto, por certo”.

A eurodeputada galega instou á Comisión e ao Parlamento a recoñecer que os tratados de libre comercio que se están a asinar “son un auténtico fracaso que o único que traen é a ruína da pequena e mediana agricultura tanto nos Estados da UE como nos países que asinan con nós. Non podemos seguir pechando os ollos. Estamos a tempo de rectificar ca nova PAC. Hai que pór freo a isto. Hoxe son os produtores e produtoras de cítricos, mañá será o leite, pasado a carne de vacún… e os acordos non paran. Cantos acordos está negociando a Comision Europea? Moitos deles ademais en segredo e dos cales enterámonos cando se asinan?”, inqueriu.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies