Parlamentarios galegos e europeos visitaron Ponteareas para coñecer a problemática ambiental do río Tea

Dende o Grupo Ecoloxista ADENCO trasladaron aos políticos a problemática ambiental do Tea e o uso ilícito de fondos europeos que destruíron a ribeira do río.

O Grupo Ecoloxista acompañou a Marcos Cal, parlamentario galego de En Marea e a Celtia Traviesas, asistente da europarlamentaria de Podemos Estefanía Torres, durante a súa visita a diferentes puntos do río Tea onde nos últimos tempos se realizaron unha serie de obras, con sucesivos paseos fluviais que alteraron o ecosistema e prexudicaron os hábitats que fixeron posible que ese espazo forme parte da Rede Natura 2000. Interesáronse tamén por coñecer a problemática da depuradora de Ponteareas.   

A delegación parlamentaria tamén visitou o Castro da Croa, un xacemento arqueolóxico catalogado e que foi parcialmente destruído coa construción da senda do Tea, o que supuxo un expediente sancionador por parte da Xunta de Galicia e que rematou coa sanción de 6000€ ao Concello de Ponteareas e a obriga de restituír o espazo á súa situación anterior. A día de hoxe, segundo afirman dende o grupo ecoloxista, todo segue igual e o Concello non cumpriu o que a Xunta esixía.  

Dende ADENCO aseguran que continuarán “traballando a prol do río, do Medio Ambiente e da recuperación e naturalización do espazo, sen pausa, sen présa”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies