Imaxe: https://mareatlantica.org/

A Renda Social Municipal, segunda oportunidade para 506 familias da Coruña

Silvia Cameán, responsable de Xustiza Social e Coidados, destacou a evolución da Renda Social Municipal.

O Concello da Coruña investiu durante o pasado exercicio máis dun millón de euros na Renda Social Municipal, “unha prestación económica que cubre necesidades básicas da poboación que se atopa en situación de vulnerabilidade social”. A edil de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, destacou a evolución desta prestación, pois “permite que moitas familias da cidade poidan pagar as súas necesidades básicas para vivir con dignidade”. Asegurou que dende a súa implantación “concedéronse un total de 506 prestacións para unidades de convivencia radicadas no termo municipal”.   

En 2017, primeiro exercicio completo no que se resolveron os expedientes da Renda Social Municipal, segundo apuntan, “outorgáronse 188 prestacións, que chegaron a un total de 323 persoas”. Durante o pasado ano, “o número de Rendas activas foi de 318, con 404 persoas beneficiarias, o que supón un incremento dun 60%”. Destaca Cameán que co novo procedemento de tramitación, “o proceso axilizouse, o que supuxo unha redución nos tempos de espera á concesión da prestación con maior rapidez”.       

Resaltou a edil que esta prestación “está a cumprir cos obxectivos propostos, como é favorecer a recuperación da autonomía das persoas en situación de vulnerabilidade social, ademais de avanzar cara a unha cidade máis xusta, na que o seu goberno sitúa á veciñanza no centro das súas políticas”.

Tamén apunta que “o goberno da Coruña ten presente que o éxito desta prestación radica no traballo feito, dende o seu inicio, da man dos distintos servizos municipais e das entidades sociais”, asegurando que “este é o camiño que seguir, e no que avanzaremos, para acadar que a veciñanza da Coruña viva cun mínimo de dignidade”.  

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies