Galicia apoia a Folga Mundial polo Clima
Varios municipios de Galicia sumanse hoxe ao movemento internacional #FridaysForFuture que insta a gobernos e grandes industrias a tomar medidas fronte ao cambio climático.
En agosto de 2018, en Suecia, despois de que o país afrontara unha gran vaga de calor e incendios, unha moza de 15 anos apareceu diante do Parlamento do país cunha pancarta coa que chamaba á folga escolar polo clima como protesta pola falta de accións contundentes na loita contra o cambio climático. A protesta que mantivo esa moza acadou repercusión internacional, polo que hoxe, 15 de marzo, a folga polo clima xa é mundial, pois milleiros de persoas en todo o planeta están organizando actos para pedir medidas inmediatas sobre un problema que compromete o noso futuro. Esta mesma semana, a ONU publicaba un informe no que pide novamente que se actúe xa.
Esta mobilización global tamén se verán en Galicia, dende onde centros educativos convocaron folgas e movementos sociais de diferentes municipios teñen organizadas diversas actividades co obxectivo de alertar e concienciar sobre o cambio climático e a urxencia de medidas por parte dos diferentes Estados.
A Coruña, Ferrol, Ourense, O Porriño ou Vigo serán algunhas das localidades onde están previstas actividades: concentracións, charlas, debates actividades informativas, etc.