Piquete en Fandicosta, Vigo// Imaxe: http://cig.gal/

As mulleres protagonizan o paro total da folga dos elaborados do mar

A ruptura das negociacións para o convenio fará que a folga continúe os días 24 e 25.

Éxito total da primeira xornada dunha folga protagonizada polas mulleres, maioritarias no sector dos elaborados do mar, que desde primeiras horas da madrugada de onte logaron paralizar por completo a industria galega dos conxelados.

Tal e como afirman desde a CIG, a patronal “valorou erróneamente a situación” provocando unha folga, que máis alá da reivindicación salarial, busca poñer o foco na inclusión de dereitos básicos dentro do convenio estatal.

“É unha folga histórica porque non se cinxe, tal e como algúns querían, á reclamación salarial, se non que é unha folga por dereitos, principalmente das mulleres” afirmaba Xabier Aboi, da CIG-Mar, que salientou un seguimento do cento por cento en industrias da provincia de Pontevedra como Fandicosta, Numarsi, Mascato, Pereira ou Cabomar.

As traballadoras denuncian a perda de poder adquisitivo, en parte debido á expiración do convenio hai tres anos xa, sendo un dos máis precarios dentro do ámbito da alimentación.

Deste xeito as mulleres plantan cara a quen pretende impoñer que continúen sendo man de obra barata, e esixen limitar o masivo traballo temporal así como o uso de novas fórmulas abusicas como falsas cooperativas ou empresas multiservizos.

Porén, nun sector onde as mulleres representan preto do85% do total dos cadros de persoal, cobra unha gran importancia a loita por dereitos básicos como a conciliación, a reducións de xornada ou os permisos retribuídos para poder levar as crianzas ao centro de saúde, entre outros.

As traballadoras responsabilizan á Xunta de Galiza, á que acusan de complicidade coa patronal por non ter ningún interese nunha problemática que leva en boga varios anos, e anuncian que continuarán coa folga os vindeiros mércores 24 e xoves 25 de outubro.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies