Imaxe: Twitter Pablo Casado

O PP pretende que as migrantes cambien os seus fillos por prórroga do tempo de residencia

O PP propón retrasar a expulsión das mulleres migrantes se dan aos seus fillos en adopción.

A proposta dos populares é que a demora se prolongue mentres dure o embarazo, de xeito que unha vez completada a entrega do neno a muller poderá ser repatriada ao seu país de orixe como calquera outra persoa en situación irregular se é interceptada polas autoridades policiais.  

Xustifican esta iniciativa para loitar contra o “inverno demográfico que vive España”, segundo indicou Pablo Casado, líder do PP, asegurando que “se se quedan embarazadas, terán a mesma protección que unha española que queira dar ao neno, así como as memsas garantías, dereitos e axudas”, pero será unha protección temporal, pois fontes da dirección popular explicaron que “para a nai non terá consecuencias o feito en sí de dar ao neno en adopción”, pero que “unha vez entregado, se a paran nunha redada e a expulsan non lle vale a excusa da adopción, polo que sería repatriada como calquera outra muller sen papeis”.

A polémica xerada por esta proposta fixo que a dirección do Partido Popular remitise unha mensaxe á prensa asegurando que “é falso que o PP propoña non expulsar a mulleres en situación irregular a cambio de que entreguen en adopción aos seus fillos”, o que consideran “unha barbaridade”.    

Nesa mensaxe apuntan que “o que sería unha barbaridade é empregar os datos que hai que facilitar nun proceso de entrega en adopción como excusa para tramitar o expediente de expulsión desa muller. Iso é o que queremos evitar por razóns humanitarias e pola protección do menor e da nai. A nosa proposta é ampliar ao ámbito estatal esta medida que con éxito xa existe na Comunidade de Madrid dende fai tempo”.

Ese protocolo da Comunidade de Madrid ao que alude o pP para xustificar a súa proposta non se elaborou especificamente para estas nais sen residencia legal en España e tampouco con ese fin, senón para evitar o abandono de menores.

Aluvión de críticas

Adriana Lastra, vicesecretaria xeral do PSOE, aseguraba que “prantexar retrasar a expulsión de mulleres migrantes que dean ao seu fillo en adopción forma parte de porpostas políticas xenófobas que son simplemente inaceptables, indignas e crueis”.  

Ada Colau, alcaldesa de Barcelona, escribía na súa conta de Twitter “Machistas. Racistas. Clasistas. Solo faltaba secuestradores de niños. Fascistas”, concluíndo que “toda persoa demócrata debe votar en las próximas elecciones para impedir que esta gentuza pueda llegar al poder”.     

Paula Vázquez Verao, deputada de En Marea, aseguraba nas súas redes sociais que “Cada vez que o PP fala de inmigración e de maternidade sube o pan! É moi simple: quiten as mans dos úteros das mulleres, que teremos fillxs cando queiramos, e garantan a vida digna de todas as persoas. Só hai que defender os dereitos humanos”.

Jueces para la Democracia afirmaba que “o plan do PP coacciona ás migrantes para que dean aos seus fillos en adopción”, pois segundo indican “suporía que na práctica se ameazaría á muller de expulsión salvo que renunciara á propia maternidade dando aos seus fillos en adopción”. Reiteran que “a lei de extranxeiría xa sinala que a expulsión non poderá executarse cando afecte ás mulleres embarazadas e  a medida supoña un risco para a xestación ou a saúde da nai”.

Para este colectivo, a medida atópase “nas antípodas das obrigas internacionais do estado español”, polo que o ven “inadmisible dende o punto de vista da ética e do dereito”.

Deixar unha resposta

Este sitio web utiliza cookies para que teñas unha mellor experiencia de usuario. Ao continuar a navegar estás dando o seu consentimento para a aceptación das ditas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pica na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies